Wolder pon á venda a tablet miTab Pro+, orientada a vídeos en 360º

Tras un tempo sen novidades no seu catálogo de tablets, Wolder vén de lanzar un novo modelo con pantalla Full HD de 10,1 polgadas. Trátase da nova Wolder miTab Pro+, un trebello preparado para traballar con vídeos en 360 graos que xa se atopa á venda por 179 euros.

Cun chasis fabricado en aluminio, a nova tablet de Wolder pesa tan só 535 gramos e ten un grosor de apenas 9,4 milímetros, o que fai que sexa un dispositivo bastante cómodo de portar. Incorpora unha pantalla de 10,1 polgadas Full HD (resolución 1920 x 1080 píxeles) con tecnoloxía multitáctil de 10 puntos, e dobre cámara, a traseira de 8 megapixeles e unha frontal de 5 megapíxeles, especialmente pensada para videochamadas.

No seu interior temos un proceasdor RK3368, con arquitectura Cortex A53 e chip de oito núcleos a 1,5 GHz. Está acompañado dunha memoria RAM de 2 GB e 32 GB de memoria interna, que poden ampliarse mediante tarxetas microSD dun máximo 128 GB.

A súa batería é de 8000 mAh, sen carga rápida, e a conectividade é Bluetooth 4.0 e WiFi. Tamén dispón de antena de radio FM e todo o necesario para poder disfrutar dos vídeos en 360 graos, algo que a compañía quere potenciar logo de ter lanzado hai algunhas semanas a cámara Globe 360.

A nova Wolder miTab Pro+ xa se pode mercar nos establecementos habituais por 179 euros.

Sobre o autor

Reply