Xiaomi abre a primeira tenda en Catalunya, a terceira do estado

Desde hai uns poucos meses Xiaomi está presente de forma oficial en Europa a través de retailers online e tendas físicas especializadas. Porén, dentro da súa estratexia de expansión, o fabricante chinés tamén quere contar coa súa cadea de tendas físicas ao estilo das Apple Store, o onte inauguraron a primeira delas situada en Catalunya, a terceira aberta no estado logo das dúas de Madrid.

Situada no interior das instalacións do Centro Comercial Gran Vía 2 de L’Hospitalet de Llobregat (a un paso de Barcelona), a Mi Store é unha oda ao minimalismo ao que nos acostumaron marcas como Apple nos seus establecementos, en contraste co centro comercial no que se atopa, que está decorado con aires de teatro de época.

No seu interior atopámonos cunha boa mostra dos produtos que fabrica Xiaomi, cos móbiles que se venden no noso país ocupando o protagonismo en varias mesas de madeira centrais. Nos laterais do local hai espazo para o resto de gadgets e accesorios, que van desde bolígrafos a toallas, pasando polos routers , robots e diferentes modelos de auriculares.

Tamén nos chamou moito a atención a presenza da liña de televisores da marca con varios modelos, algún dos cales dos que xa temos falado no blog no momento da súa presentación na China. Aínda que polo de agora non están á venda, o persoal da tenda comentounos que a súa comercialización en Europa está nos plans máis inmediatos da compañía, polo que non habemos tardar moito en velas por aquí.

Como xa comentamos ao comezo do artigo, a nova tenda inaugurada onte en Catalunya é a terceira que o fabricante abre no estado, e semella que non a última. Os rumores apuntan a que cidades como Valencia, Bilbao ou Sevilla estarían nos plans para o asentamento de novas Mi Store ao longo deste ano ou comezos do 2019.

Sobre o autor

No Responses

Reply