O Honor 10 Lite xa se pode mercar no noso país

Honor, a segunda marca do xigante Huawei, vén de anunciar a chegada ao noso país do Honor 10 Lite, un modelo de gama media que se pode mercar tanto no mercado online como a través das habituais liñas de distribución da marca por 239 euros.

Trátase dun dispositivo que está moi orientado a un público novo, e quizais por iso aspectos como a cámara dianteira (a dos selfies) destacan fronte outros modelos da competencia. Neste senso, o sensor frontal é de 24 megapíxeles con apertura f/2.0. Do outro lado, a cámara principal está formada por dous sensores, un principal de 13 megapíxeles con f/1.8 e outro secundario de 2 Mpx para a profundidade.

A súa pantalla é un panel IPS LCD con resolución Full HD (1080 x 2340 píxeles) de 6,21 polgadas e formato 18:9. No seu interior alberga o procesador HiSilicon Kirin 710 (Octacore, 4 x 2,2 GHz e 4 x 1,7 GHz), xunto con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenaxe interna, que se poden ampliar mediante tarxetas microSD de até 512 GB.

Leva lector de pegadas dixitais, situado na parte traseira do dispositivo, unha batería de 3400 mAh e como sistema operativo Android 9 (Pie) personalizado con EMUI na súa versión 9. O conector é microSD e dispón de jack de audio de 3.5 mm.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Honor 10 Lite pódese mercar, como xa avanzamos, por 239 euros. En canto ás cores, ofrécense un total de catro opcións a elixir: branco, negro, azul e vermello.

Sobre o autor

Reply