Huawei anuncia os P30 e P30 Pro

Huawei anunciou hoxe o lanzamento dos seus novos P30 e P30 Pro, os dous modelos da serie P nos que o fabricante aposta pola fotografía como principal valor diferencial. Non en van, todos os esforzos da campaña de márketing arredor do seu lanzamento xiran arredor desta característica.

Coñezámolos un pouco máis polo miúdo. A continuación detallamos as principais características de ambos modelos:

Características do Huawei P30

  • Pantalla de 6,1 polgadas (2340 x 1080 píxeles) con relación de aspecto 19,5:9
  • Procesador Kirin 980 (2 x 2,6 GHz, 2 x 1,92 GHz, 4 x 1,8 GHz)
  • 6 GB de RAM
  • 128 GB de memoria interna ampliábeis por tarxetas NM (exclusivas de Huawei)
  • Cámara traseira triple: 40 Mpx + 16 Mpx (gran angular) + 8 Mpx (zoom)
  • Cámara dianteira: 32 Mpx.
  • Batería: 3650 mAh
  • Software: Android 9 Pie + EMUI 9.1
  • Outros: USB C, dual SIM, Bluetooth 5.0, NFC, sensor de pegadas dixitais en pantalla.

Características do Huawei P30 Pro

  • Pantalla de 6,47 polgadas (2340 x 1080 píxeles) con relación de aspecto 19,5:9
  • Procesador Kirin 980 (2 x 2,6 GHz, 2 x 1,92 GHz, 4 x 1,8 GHz)
  • 8 GB de RAM
  • 128 / 256 / 512 GB de memoria interna ampliábeis por tarxetas NM (exclusivas de Huawei)
  • Cámara traseira triple: 40 Mpx + 20 Mpx (gran angular) + 8 Mpx (zoom)
  • Cámara dianteira: 32 Mpx.
  • Batería: 4200 mAh
  • Software: Android 9 Pie + EMUI 9.1
  • Outros: USB C, dual SIM, Bluetooth 5.0, NFC, sensor de pegadas dixitais en pantalla

Ambos modelos comparten varias das súas características, e chegan nun interesante abano de cores, aínda que non todos están dispoñíbeis en todas as versións nin de forma global.

O apartado fotográfico evoluciona fronte ás versións do ano pasado, especialmente no que ten que ver coas imaxes tomadas en ambientes escuros, onde as cámaras dos móbiles adoitan ter maiores dificultades.

Por outra banda, avanzan no zoom, ofrecendo un zoom óptico 5x, híbrido 10x e dixital 50x, así como tamén no efecto bokeh grazas ao uso de sensor TOF (Time Of Flight), que xa vimos no LG G8 presentado no MWC.

É importante resaltar que dispoñen de NFC, algo que Huawei non sempre introduce nos seus terminais, así como tamén resistencia IP63 no caso do P30 e IP68 no P30 Pro.

Dispoñibilidade e prezo

Ambos modelos chegan en varias cores nas que destacan os degradados. Estas opcións son o Black (negro), Amber Sunrise (alaranxado), Aurora (degradado rosa – turquesa), Breathing Crystal (azul – rosa – branco – turquesa) e Pearl White (branco perla).

En canto aos prezos, o Huawei P30 custará 799 euros, mentres que o P30 Pro comeza nos 999 € na versión de 128 GB, subindo até os 1099 € na de 256 GB e até os 1249 € no caso da de 512 GB.

Sobre o autor

No Responses

Reply