MeteoSIX Mobile, a aplicación para coñecer a predición meteorolóxica e oceanográfica de Galiza

Xa temos falado no noso blogue de diferentes aplicacións que fan uso dos datos de Meteogalicia para ofrecernos a información meteorolóxica do noso país, mais hoxe queremos presentarvos MeteoSIX Mobile, a ferramenta oficial.
A aplicación pode acceder á nosa ubicación directamente para amosarnos a información meteorlóxica, aínda que tamén podemos buscar outras localizacións de Galiza e arredores, tanto localidades como praias, para achar información doutros lugares diferentes aos que nos achamos.
Permite seleccionar diferentes variábeis, a saber: estado do ceo, temperatura, precipitacións, velocidade e dirección do vento, cota e cantidade de neve, humidade relativa, nível de nubosidade, humidade relativa e presión. No que ten a ver co mar, poderemos ver a altitude, período e dirección das ondas, así como tamén a temperatura e salinidade da auga.
Compleméntase con 2 widgets diferentes segundo o tamaño que elixamos, aínda que para poder usalos a aplicación ten que estar instalada na memoria interna do teléfono (non vale na microSD).
Máis aló da aplicación, MeteoSIX é un proxecto pensado para grupos de investigación que fan uso deste tipo de resultados, polo que agardan calquera tipo de comentario que puidera servir para mellorar o servizo.
Neste sentido, lanzan unhas cantas preguntas para mellorar o servizo; se queredes respondelas podedes enviarnos un correo coas respostas a android(at)mallando(dot)com e encargarémosnos de facérllelas chegar:
  • Que suxerencias achegarías para mellorar o servizo? (ex. frecuencia de subministración da información, formato…)
  • Que mellorarías da aplicación Android?
  • En que outra información meteorolóxica ou oceanográfica poderías estar interesado/a?
  • Interesaríache participar nunha xornada colectiva de formación sobre o proxecto e servizos de MeteoSIX (APIs, outros servizos de predición…)?
Nome da aplicación: MeteoSIX  Mobile
Prezo: Gratuíta
Requerimentos: Android 1.6 ou superior
Desenvolvedor: sistemas.meteogalicia
Descarga: Play Store

Sobre o autor

Reply