Analizamos o Nexus 7: boa, bonita e barata

Desde hai uns 2 anos as tablets están a ser o novo obxecto do desexo. Conscientes disto, desde Google fixeron un importante esforzo por adaptar o seu sistema operativo aos dispositivos con pantallas máis grandes, primeiro cunha versión específica para tablets (Honeycomb) e logo cunha reunificación adaptábel (Ice Cream Sandwich e Jelly Bean) a diferentes dispositivos con tamaño de pantalla variábel.
Pero ademais Google quixo ir un paso máis aló incluíndo no seu portfolo de dispositivos Nexus (pure Google) as tablets, e se ben a Motorola Xoom podería terse chegado a considerar a primeira “Nexus”, non sería até a chegada da Nexus 7 cando se faría real. 
Que hai na caixa dunha Nexus 7?

Ao abrir a caixa da Nexus 7 atopámonos coa tablet, un cable USB de datos reaproveitábel a través de adaptador de enchufe (inclído) para cargar a batería e a documentación básica. Nun primeiro momento pode sorprendernos que non se inclúan uns cascos, pero desde Google xustificaron isto baseándose en dous argumentos:
  • Aforro: e é que a Nexus 7 é un dispositivo económico, e por iso prescinde de cousas máis supérfluas, como podería chegar a considerarse os cascos.
  • Que cada quen use os que lle gusten: malia que nun primeiro momento poderíamos pensar que se trata de ter moita jeta, ten o seu sentido, porque existen no mercado multitude de cascos de máis ou menos calidade, polo que cadaquén pode ser libre de usar os que prefira.
Deseño, acabado, e conexións
Na Nexus 7 atopamos un deseño coidado. Na parte frontal dispomos da pantalla de 7 polgadas, rodeada dun marco en todos os seus laterais que permite a súa suxección sen que os nosos dedos tapen a pantalla. Non ten botóns na parte frontal, só a cámara dianteira (e única) de 1,2 megapíxeles.
A parte traseira é de plástico duro, cunha pequena rugosidade en forma de puntos. Nela atopamos a denominación “Nexus” gravada, ademais de Asus, o nome do fabricante. Tamén está na parte traseira o altofalante do dispositivo.
Os laterais están feitos cunha liña cor gris metálico, e nun lateral atopamos o botón de acendido e volume mentres que no outro o micrófono e uns puntos de contacto para un dock. Na parte inferior está o conector USB para transferencia de datos/carga e o punto de son jack 3.5
En canto a conectividade, sinalar que a versión que probamos conta unicamente con WiFi, pero xa hai á venta a versión con 3G. Ademais ten Bluetooth, NFC, étc.
Pantalla
Xa dixemos que a súa pantalla é de 7 polgadas. A súa resolución é de 1280 x 800. Resultounos de moita calidade de imaxe, ademais de agradábel ao tacto e cunha capacidade de resposta sensacional.
Sistema operativo
A Nexus 7 serviu para presentar unha nova versión do sistema operativo, Jelly Bean, que por suposto vén limpa e sen engadidos de fabricantes. Entre as novidades máis destacadas desta versión é o asistente Google Now, ao que non se lle saca todo o partido que se lle podería sacar cun smartphone por temas de ter maior mobilidade.
Sen dúbidas, que sexa un produto Google é unha garantía de actualizacións.
Batería
Chamounos especial atención a duración da batería, con 2 días de duración con cun uso intensivo de todas as súas capacidades (multimedia, lectura, redes sociais…), iso si, tendo en conta desconectar a WiFi nos desprazamentos por temas de aforro.
Conclusións
Desde logo coa Nexus 7 estamos ante un dispositivo que consideramos referencial. Dunha banda pensamos na súa fascinante relación calidade/prezo, que pon nas nosas mans por 200 € un produto de grandes características técnicas, a costa de prescindir de elementos que poderíamos considerar máis supérfluos nunha tablet, como a cámara traseira.
Para algúns usuarios pode que a falta de ranura microSD para ampliar memoria poida ser un handicap, sen embargo pensamos que coas versións existentes de 16 e 32 GB isto non sería tanto problema.
Podemos mercar a Nexus 7 na Play Store por 199 / 249 / 299 € para versións 16 GB+ WiFi / 32 GB + WiFi / 32 GB + WiFi + 3G. 
Aproveitamos a ocasión para agreder a Asus o préstamo deste dispositivo para a súa análise

Sobre o autor

No Responses

Reply