Pocket, a gran alternativa para o "xa o verei despois"

Estes días descubrimos que había moita xente que non coñecía Pocket (anteriormente chamado Read it Later), unha aplicación que para nós é das básicas, das que temos que ter instaladas si ou si. Curiosamente coincide con dúbidas de moitas e moitos de vós que comentabades que usábades os favoritos de Twitter como un “xa o lerei máis tarde”.

A idea de Pocket é moi sinxela: servir para gardar enlaces e sincronizalos entre todos os nosos dispositivos, xa sexan tablets, smartphones, versión web, Kindle… vamos, que se gardamos a ligazón dun artigo interesante que vemos no Twitter mentres andamos co noso smartphone podemos lelo cando queiramos desde calquera dispositivo. E quen di ler, di o que sexa, porque non importa a natureza da ligazón.


Para gardar un enlace desde o noso smartphone ou tablet Android en Pocket simplemente temos que seleccionar no menú Compartir “Add to Pocket”, mentres que no noso navegador favorito podemos instalar o correspondente complemento que incorpora o botón de marcar rapidamente os artigos para gardar.
E iso non é todo, Pocket intégrase con máis de 300 aplicacións e servizos, tanto móbiles como web. Así, por exemplo, se temos instalada a aplicación no noso navegador web, aparecerá integrada na versión web de Twitter (en cada tweet, ao lado de onde retweet ou favorito), ou ao carón de cada artigo de Google Reader… e así unha chea de cousas.

A visualización dos artigos pódese facer a través da aplicación do dispositivo onde a teñamos instalada ou na versión web, pero sempre coa posibilidade de pasar ao artigo na súa ligazón orixinal. Ademais, dispón de ferramentas como a inclusión de favoritos dentro das ligazóns gardadas, a etiquetaxe ou o arquivo, para sacar de diante os artigos que xa lemos e queremos conservar (funciona de xeito semellante ao arquivo de Gmail).

Pocket está dispoñíbel en versión web, de escritorio, como aplicación de Chrome, Chromium, Firefox, Safari, Opera, Android, iPhone, iPad, Windows Phone, BlackBerry, WebOS, Nokia S60 e diversos eBooks. Ademais, tamén ten opción de que nos enviemos os enlaces por correo electrónico.

Sen lugar a dúbidas é unha ferramenta moi completa para a xente que se informa a través da rede e que non sempre ten o tempo preciso para poder ler / ver / escoitar algo no momento. E máis agora que nos matan Google Reader…

Podedes obter máis información e as aplicacións para o navegador na web oficial ou a aplicación para Android na Play Store

Sobre o autor

One Response

  1. Stow Kewoto Fume 26 Marzo, 2013 Responder

Reply

Deixa una resposta a Stow Kewoto Fume Cancelar a resposta