Non descubrimos nada novo se dicimos que rara vez compensa coller o terminal coa operadora. Salvo que sexamos uns heavy users de minutos de voz, o máis seguro é que a mellor opción sexa mercar o smartphone por libre e coller a operadora que nos apeteza, co que aforraremos cartos e disgustos de permanencias.
Sabemos que o Samsung Galaxy S4 é un dispositivo que vai arrasar en ventas e por iso todas as operadoras queren telo nos seus catálogos. Mais, paga a pena collelo con elas? A continuación amosámosvos os prezos aos que o poderedes conseguir, tendo como referencia que está no mercado libre por 699 €.
Yoigo
A mellor oferta para collelo cunha operadora (e nun arruinarse mes a mes) é sen dúbida Yoigo. Collelo con eles implica unha permanencia de 24 meses, a cambio do cal o móbil sairá en, como máximo, 600 €. Ademais, dependendo da tarifa contratada, pode chegar a saír por 360 €.
- Pago único: 600 €, independentemente da tarifa.
- Pago fracionado: neste caso, pagaranse 24 mensualidades ás que hai que sumar o prezo da tarifa. Con La del Dos sae en 25×25 = 600 €, con Mega Plana 20 20×24 = 576 €, con Infinita 30 ou Infinita 39 15×24 = 360 €.
Vodafone
No caso de collelo con Vodafone tamén debemos asumir unha permanenciade 24 meses. Neste caso, abonarase un pagamento inicial e logo o prezo da tarifa (os prezos das tarifas están sen IVE):
- RED3: 0 € + 109 €/mes (chamadas/sms ilimitadas e 5 GB de Internet móbil).
- RED2: 50 € + 85 €/mes (chamadas/sms ilimitadas e 3 GB de Internet móbil).
- RED: 100 € + 61 €/mes (chamadas/sms ilimitadas e 1,5 GB de Internet móbil).
- Base 3: 200 € + 55 €/mes (250 minutos, 1000 sms e 1 GB de Internet móbil).
- Base 2: 250 € + 42 €/mes (100 minutos, 1000 sms e 1 GB de Internet móbil).
- Base: 250 € + 35 €/mes (chamadas a 1 cént/min, 1000 sms, 1 GB de Internet móbil).
Cómpre sinalar que as tarifas RED inclúen servizos como disco duro na nube de Vodafone e permiten voIP.
Orange
Pola súa banda, e tamén comprometendo 24 meses de permanencia, Orange ofrecerá este terminal cun único pago de 169 € a quen contrate as tarifas Ballena 55 ou Delfín 60, de 55 ou 60 €/mes + IVE respectivamente.
Quen decida pagalo a prazos poderá escoller tarifa e abonar polo terminal un pagamento inicial de 59 € e logo 25 €/mes durante 24 meses, o que suman 659 € en concepto de móbil.
Movistar
Movistar é sen dúbida a peor opción para coller o Samsung Galaxy S4. Non ofrecen o terminal subvencionado, polo que se pagará en 24 mensualidades de 31,46 €, ao que debemos engadir a tarifa que teñamos. Facendo un cálculo rápido vemos que sae en 755.04 €.
Conclusións?
O mundo das tarifas é complexo e cada quen debe adaptalas aos seus consumos. Hai a quen lle virá ben ter un porrón de minutos incluídos nunha tarifa plana, polo que coller o terminal cunha operadora suporalle un aforro. Para outros, que usarán principalmene as características orientadas á conexión , a mellor opción (case) sempre será collelo libre e unha tarifa de OMV.
En calquera caso, se tedes dúbidas sobre o que vos convén no voso caso particular. preguntádenos.