As Google Glass, que puidemos probar hai uns días, serán as protagonistas dunha nova operación cirúrxica que será realizada no Estado español polo doutor Pedro Guillén e o seu equipo, e na que participarán, hangout mediante, un par de ciruxiáns dos Estados Unidos. Ademais, 300 centros educativos (hospitais e universidades) de todo o mundo poderán seguir a intervención a xeito de formación.
Para levar a cabo esta intervención empregarase a aplicación Glassters Streamer, desenvolta pola empresa Droiders, a única que até o de agora está a traballar en ferramentas para as Google Glass no Estado. Telefónica, pola súa banda, aportará o seu despregamento tecnolóxico para facilitar a retransmisión en alta definición deste evento no que tamén participan outras empresas como Indra.
A intervención terá lugar o vindeiro 17 de de setembro ás 16 horas, e poderase seguir a través de Internet, nas webs da Clínica CEMTRO ou Droiders.