Analizamos a Samsung WB350F, a cámara amiga do teu smartphone

camara

Hai non moitos anos, cando levabamos a revelar un carrete de fotografías sabiamos que logo habería que poñelas en albumes para poder amosalas ás visitas que quixesen velas; porén, a inmediatez actual fíxonos mudar os hábitos e agora somos máis de compartir as imaxes en galerías de Flickr ou a través das redes sociais como Twitter ou Facebook, nas que podemos interactuar cos nosos contactos.

Os smartphones, polo feito de ir connosco todo o día, encargáronse de ir eliminando as cámaras das nosas vidas, pois cada vez inclúen sensores de maior calidade que serven para saír do paso ou resolver as necesidades da meirande parte dos usuarios. Mais… que acontece se precisamos algo máis?

Samsung iniciou hai xa algún tempo a súa aposta polas cámaras conectadas, algunhas delas baseadas en Android como a saga Galaxy Camera (que ademais teñen versión con SIM incluída para ofrecer conectividade móbil) e outras que non, caso da WB350F que hoxe analizamos, pero que se relaciona ás mi marabillas co noso smartphone grazas á aplicación Samsung Smart Camera.

Deseño e acabados

Esta compacta de Samsung sorprende polos seus acabados nunha imitación á pel moi ben conseguida e unha liñas que recordan ás antigas cámaras de carrete na súa parte frontal, xa que a parte traseira incorpora a pantalla de visionado e os botóns de menús e opcións.

frontal

Na parte superior dereita temos unha rodiña que facilita o acceso os diferentes modos de cámara e opcións á hora de escollermos o que mellor se adapte á fotografía que queiramos tomar nun determinado momento; ao seu carón, o botón de disparo acolle tamén o selector de zoom. A botoneira complétase co acceso a direct link, o de on/off e un último que fai aparecer o flash.

botons

Cámara

A WB250F incorpora un sensor fabricado pola propia Samsung de 16 megapíxeles BSI CMOS, o que permite sacar fotos de calidade aínda en ambientes escuros sen ter que empregar o flash. A lente de gran angular é de 23 mm e a apertura do obxectivo é f/2.8-5.9. O zoom óptico é de 21 aumentos.

zoom

As opcións da cámara das que dispón non supoñen grandes diferencias coas que podemos atopar noutras cámaras compactas, como mellor sorriso (best face), macro, catarata, movemento, postas de sol étc.

disparo

Mención á parte merecen as opcións que permiten xogar coas imaxes (modos antigos, debuxos…), o editor de fotografías e Magic Frame, que permite sacar PIPs cun alto grao de integración. Todas estas opcións multiplican as posibilidades da cámara ofrecendo valor engadido ás nosas imaxes.

seleccion samsung

Na nosa conta de Flickr podedes acceder a un álbume no que incluímos 18 fotografías tomadas coa cámara, facendo uso de diferentes modos e distancias de zoom. Convidámosvos a visitalo.

Conectividade: Tap & Go

Na liña de novos hábitos que comentabamos ao comezo do artigo, a cámara ofrécenos diversas opcións de conectividade grazas ao WiFi e NFC que integra. Para sacarlle todo o partido a estas opcións deberemos descargar un par de aplicacións da Play Store, Samsung Smart Camera App e Samsung Home Monitor.

A instalación da primeira é fundamental para sincronizar a cámara co noso smartphone e poder así pasar fotos dun a outro dispositivo (imaxinade as infinitas cousas que podemos facer coa imaxe na memoria do noso telefóno) ou acceder a funcións avanzadas da cámara como disparo en remoto. Con Direct Link activaremos a posibilidade de transmitir directamente as imaxes ao noso smartphone cando son tomadas.

app samsung

Porén, Samsung Home Monitor só nos será de utilidade se queremos activar a función Baby Monitor que, como podedes imaxinar polo nome, inspírase nos sistemas de monitorización de bebés (vixíabebés). A través desta aplicación poderemos ver en tempo real o vídeo ademais de ter un sistema de detección de son por se o meniño esperta e a opción de activar a luz AF para ver mellor se a habitación está escura.

baby monitor

As funcións de conectividade compleméntanse coa posibilidade de enviar imaxes por correo electrónico (sen máis complicacións ca poñer o enderezo da persoa destinataria, aínda que podemos seleccionar un correo de orixe), sincronizar con Dropbox ou Picassa e postear no Facebook.

Conclusións

Tras estar usando a Samsung WB350F podemos concluír que é unha opción recomendábel para o publico que busca diferenciar a súa cámara do seu smartphone, aínda que sen ter que renunciar ás innumerábeis opcións que lle ofrece este último. Deseño, opcións de fotografía e conectividade converxen nun produto de calidade para o público que, sen ser profesional, quere unha cámara que lle aporte algo máis ás súas fotos.

Pódese mercar en cinco cores (branco, negro, marrón, vermello e azul) por arredor dos 200 euros, unha cantidade moi inferior ás Galaxy Camera, que xa son dispositivos que integran Android ao uso.

Sobre o autor

Reply