Tal día coma hoxe, hai catro anos, naceu Mallando no Android, como un proxecto derivado de Mallando na e-ira (hoxe en día deixado a monte por falta de tempo). Con Mallandroid, como lle chamamos agarimosamente entre nós, pretendiamos crear un punto de encontro para todas as galegas e galegos interesados pola tecnoloxía, nomeadamente polo ecosistema Google / Android e os trebellos.
Se seguides as nosas andainas, veredes que en grande medida cumprimos ese obxectivo, e hoxe en día o blog é un espazo no que a diario temos artigos de información e análise arredor deses temas. Somos frikiños (orgullosos de selo!) e curiosos, encántanos trebellar e compartir as nosas experiencias neste (voso) espazo. Mais queremos ir un paso máis aló, e mesmo dar o salto ao MundoReal™; seguramente esta sexa unha das liñas nas que traballaremos durante o próximo ano.
Nestes catro anos o panorama de medios en galego cambiou radicalmente. Aos poucos, foron desaparecendo todo tipo de publicacións na nosa lingua. Porén, tamén xurdiron novos e apaxionantes proxectos que demostran a cotío que na nosa lingua é posíbel comunicar e que as galegas e galegos somos quen de facelo.
O noso obxectivo é seguir medrando, actualizándonos, disfrutando da tecnoloxía e do cacharreo. Con Android na mente e os pés na terra, Galiza.
Parabéns rapaces! O que me gosta de Mallando no Android é a paixón polo galego, por facer grande a nosa lingua. Oxalá ver un día un gran grupo de webs en galego tan boas como esta…
Eu son dos que vos descubriu non hai moito, apenas vos sigo desde hai 3 meses. A verdade é que facedes un traballo digno de admiración, non só por facelo na nosa língua, que desde logo non é pouco, senón pola calidade das publicacións e o humor que vos caracteriza, tanto no blogue como no Twitter.
Que cumprades moitos máis!
Parabéns, o que facedes non ten prezo, e máis aínda no contexto actual! Non merecedes outra cousa máis que unhas inmensas GRAZAS
Eu súmome as felicitacións.
Non somos moi faladores pero seguro somos unha chea de xente a que vos sigue 🙂