Teñen os portátiles os días contados? Difícil facer unha previsión, mais o certo é que os movementos que estamos a ver ultimamente semellan ir nesa dirección. Se hai unhas semanas era Apple quen anunciaba o seu iPad Pro hoxe foi Microsoft quen nos descubriu a súa Surface Pro 4, un trebello co que aspiran a que nos esquezamos do noso portátil.
A Surface Pro 4 é unha nova xeración do convertible estrela de Microsoft que destaca pola súa pantalla de 12,3 polgadas con resolución de 267 píxeles e protección Gorilla Glass 4, así como pola nova versión do seu lapis, que ten até un ano de autonomía.
Ollando o resto de especificacións atopámonos con até 16 GB de memoria RAM e 1 TB de memoria interna na versión superior. Así mesmo, inclúen a sexta xeración dos procesadores Intel Core, que combinan potencia e menor consumo enerxético para multiplicar as horas de autonomía.
Por suposto o teclado tamén será un accesorio imprescindíbel nesta nova versión; foi redeseñado para incluír un trackpad un 40% máis grande e detección de 5 puntos simultáneos.
Estará dispoñíbel nos Estados Unidos o 26 de outubro desde 899 dólares na versión máis básica. Proximamente saberemos cando e a que prezo chegará ao noso país.
Que vos parece?
Unha gozada… Microsoft estase poñendo as pilas de verdade… eu sigo preferindo (cando poida cambiar o meu macbook pro) un MacBook dos novos, pero para a xente de Windows é un maquinón… A ver se agora segue o exemplo de Apple e non se esquecen dos equipos “vellos” como as Surface2 á hora de actualizalas a Windows10