R prepara a suba a 50, 150 e 350 Mbps e empeora prezos e servizos

R prepara unha inminente actualización da oferta de combos coa incorporación de tres novas velocidades de referencia, 50, 150 e 350 Mbps, como resposta ás ofertas que están a realizar outras compañías que están a despregar fibra no noso país. Poderanse contratar desde o 1 de decembro.

Mallando no Android tivo acceso a información sobre os novos combos de empresas, cuxa oferta quedará como vemos no seguinte cadro e que serven para adiantar que tamén teremos algo semellante para o ámbito particular.

novos combos

Ademais das novas ofertas de velocidade, todos os combos levan chamadas ilimitadas a fixos e a móbiles propios, así como 1000 minutos/mes de chamadas a outros móbiles, fronte aos 100 minutos que ofrecen os combos actuais de 20, 100 e 200 megas.

Aqueles clientes de empresa que a partir do 1 de xaneiro queiran seguir coas ofertas de velocidade dos combos actuais poderán facelo e verán aumentados os minutos a outros móbiles de 100 a 1000, pero tamén as súas facturas cunha suba considerábel.

  • Combo 200 negocio: 56.62 € con móbilR e 66,62 € sen móbilR (fronte os 54 e 64 € actuais).
  • Combo 100 negocio: 48,63 € con móbilR e 68,62 € sen móbilR (fronte os 44 e 54 € actuais).
  • Combo 20 negocio: 44,62 € con móbilR e 54,62 € sen móbilR (fronte os 40 e 50 € actuais).

Non é o único que subirá R: os outros combos do segmento negocio (despreocupín, combos profesionais), o teléfonoR, televisiónR e os mambos subirán en 1 €/mes sen mellorar os servizos.

Tamén empeoran as condicións no móbil, onde a contratación de novos bonos de datos unha vez esgotados os contratados sube de 1 a 1,50 €, no caso de bono extra de 100 MB e de 5 a 6 € para os bonos de 500 MB adicionais. As tarifas, polo de agora, mantéñense igual, a espera tamén de ter información sobre o 4G.

Mallando no Android puido confirmar que a suba de prezos nos combos tamén chegará ao ámbito particular, aínda que non temos datos de como quedará a oferta final. Podemos extrapolar que ademais de poder contratar as novas velocidades os clientes poderán manter as actuais cunha suba na factura mensual, pero isto é só unha suposición.

A operadora galega tamén ten previsto comezar a cobrar polo servizo postvenda que ofrece a través da súa rede de tendas. Por poñer algún exemplo, haberá un límite no número de configuracións que poden solicitar os usuarios nestes establecementos, e cobrará desde 3 € polos servizos de atención máis básicos. Iso si, estes servizos serán de balde para os clientes que teñan contratado os servizos de mantemento avanzado.

[Actualización] Oferta particulares

Logo da información que comentamos para empresas, acabamos de conseguir a relativa á nova oferta para particulares, con estes combos:

  • Combo 350 series: 350/35, chamadas ilimitadas a fixos, móbiles propios e 250 minutos a outros móbiles por 55 € con móbilR ou 67 € sen móbilR.
  • Combo 150 series: 150/15, chamadas ilimitadas a fixos, móbiles propios e 100 minutos a outros móbiles por 47 € con móbilR ou 59 € sen móbilR.
  • Combo 50 series: 50/5,  chamadas ilimitadas a fixos, móbiles propios e 100 minutos a outros móbiles por 43 € con móbilR ou 55 € sen móbilR

O resto de combos, así como a Tarifa 1 de móbil subirán 1 €/mes a partir do 20 de decembro. Tamén subirá, en móbil, o establecemento de chamada e o minuto de exceso, que pasan a 21 céntimos.

A partir do 1 de decembro tampouco poderá contratarse o Combo 20 series.

Sobre o autor

5 Comments

  1. Pacogens 10 Novembro, 2015 Responder
  2. Xurxo 11 Novembro, 2015 Responder
  3. VierFF 11 Novembro, 2015 Responder
  4. Cancro 11 Novembro, 2015 Responder
  5. Xosé Lois 11 Novembro, 2015 Responder

Reply