Samsung DeX, o dock que convertiría o Galaxy S8 nun ordenador

Días atrás Samsung rexistrou unha nova patente nos Estados Unidos baixo o nome “Samsung Dex“, un trebello que permitiría, se todos os rumores son certos, transformar o noso Samsung Galaxy S8 nun ordenador de escritorio.

O certo é que imaxinamos que este gadget iría na liña de outros presentados anteriormente por Samsung a modo de dock de escritorio, permitindo conectarlle un teclado, un rato, un monitor e pode que outros periféricos para ter unha experiencia de ordenador completo. No seu momento, o Galaxy Note II tivo un accesorio semellante (o da imaxe).

Atendendo á patente, podemos ler “Unha aplicación de software que permite proxectar a pantalla a través de accesorios ou sen fíos, ademais de usar periféricos de ordenador”. Sendo algo ambigüo, déixase entrever que ademais do gadget (o dock en si), habería tamén un software específico que mellorará a experiencia no seu conxunto.

Lamentabelmente o Samsung Galaxy S8 (e a súa versión Plus), non chegarán ao Mobile World Congress, mais está previsto que durante o evento que Samsung celebrará en Barcelona no marco da feira tecnolóxica se adianten algunhas cousas do próximo móbil estrela da compañía surcoreana.

Sobre o autor

Reply