BlackBerry Keyone, o novo de BlackBerry con Android

BlackBerry encargouse de iniciar as keynotes que preceden a apertura oficial do Mobile World Congress 2017, co anuncio en Barcelona da nova BlackBerry Keynote. Estamos a falar dun dispositivo que revive os aspectos que fixeron popular a esta marca, co teclado físico como principal reclamo.

A nova BlackBerry Keynote integra un panel IPS LCD de 4,5 polgadas con resolución Full HD (1620 x 1080 píxeles), e no seu interior leva un procesador Snapdragon 625, firmado por Qualcomm. Así mesmo, integra 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal Sony IMX378 de 12 megapíxeles, mentres que para a frontal temos un modelo de 8 MPX. Complementan a folla de especificacións unha batería de 3.505 mAh de capacidade, lector de pegadas dixitais, USB Tipo C e Android 7.0 Nougat como sistema operativo.

Fabricada en aluminio, o deseño da nova BlackBerry ten grandes doses de nostalxia, aínda que coas prestacións actualizadas a 2017. É evidente que non estamos a falar do último en especificacións, mais o certo é que os usos aos que está orientado este dispositivo non son os das grandes masas nin o público obxectivo é aquel que saca todo o partido a unha pantalla de grandes dimensións, senón ás profesionais que adoran os teclados físicos.

Dispoñibilidade e prezo

A Blackberry Keynote estará dispoñíbel de maneira global no próximo mes de abril, aínda que o fabricante non adiantou unha data concreta. Está previsto que se poña á venda en Europa por 599 €

Sobre o autor

Reply