Fíltrase a Samsung Gear Fit2 Pro, con medición de natación

A poucas semanas do pistoletazo de saída da IFA de Berlín as filtracións van descubrindo diversos dispositivos que, salvo novidade, serán presentados aló de maneira oficial. Un destes trebellos é a nova Samsung Gear Fit2 Pro, unha nova versión da pulseira de actividade do fabricante surcoreano, que agora adquire novas funcionalidades.

O dispositivo é, fisicamente, moi semellante á súa predecesora, a Gear Fit2, aínda que ancheando un pouco a pantalla para abrir a porta a poder amosar máis información dun vistazo.

Porén, hai varios cambios, e o máis significativo atopámolo na súa resistencia a líquidos, que pasaría de ser IP-68 para aumentar a 5 ATM. Desta maneira, ademais de gañar resistencia, poderemos empregar a Gear Fit2 Pro para cuantificar os adestramentos de natación, mesmo sincronizándose coa aplicación Speedo On.

Por outro lado, a Samsung Gear Fit2 Pro conservará o GPS para poder realizar cuantificacións deportivas sen depender do terminal móbil, e o mesmo fará coa música; non en van, poderase reproducir música de Spotify a través do modo sen conexión.

A nova Gear Fit2 Pro de Samsung será compatíbel tanto con dispositivos Android como con iPhone, e polo de agora descoñécese a súa data de comercialización e / ou o seu prezo. Como diciamos ao comezo, o máis probábel é que sexa presentada oficialmente durante o IFA de Berlín, aínda que non podemos decartar que sexa unha das “sorpresas” do Unpacked previsto para o 23 deste mes, data na que chega o novo Note8.

Sobre o autor

Reply