Sirius A, un mini PC con Windows 10 e moita versatibilidade

Son moitas as persoas que, no seu día a día, precisan dunha solución que sexa fácil de transportar e, ao tempo, ofreza todo o que un ordenador pode dar de si. Para pór solución a esta problemática puidemos ver como nos últimos tempos floreceron os chamados “sticks” (ordenadores con forma de pen-drive que tan só precisan dunha pantalla para poder funcionar) ou tamén alternativas que unen móbil e sobremesa, como Samsung e  a súa DeX Station.

Hoxe queremos falarvos de outra proposta diferente, o Ockel Sirius A, un completo miniPC con pantalla e unhas opcións de conectividade moi interesantes, que xa podemos reservar a través da plataforma de financiamento colectivo Indiegogo.

Características técnicas

O Sirius A non é un ordenador excesivamente potente, aínda que si que vén bastante ben equipado. Leva unha pantalla de 6 polgadas con resolución FullHD, e no seu interior leva un procesador Intel Atom X7-Z8750 e gráfica Intel HD Graphics 405, xunto 4 ou 8 GB de RAM e 64 ou 128 GB de memoria interna flash, segundo as versións.

En canto a conectores e conectividade, leva 2 conectores USB 3.0, un USB Tipo C, un HDMI, un Display Port, un Ethernet e un jack de audio 3.5 mm. Ademais tamén ten WiFi 802.11 a/b/g/n/ac de dobre banda, Bluetooth 4.2 e a posibilidade de ampliar a memoria a través de tarxetas microSD. No apartado multimedia, dispón de altofalantes estéreo e micrófono.

A autonomía vén dada por unha batería interna de 3500 mAh de capacidade, cantidade que se nos antolla un tanto escasa para un dispositivo deste tamaño con pantalla, e o sistema operativo é Windows 10, na súa versión Home ou Professional dependendo da versión concreta do ordenador.

Dispoñibilidade e prezo

Se estás pensando en facerte con un, debes saber que o Sirius A Ockel está en proceso de pre-rexistro, con diversas opcións para poder adquirilo. A máis económica parte dos 549 dólares, e podemos facernos con ela a través da web do proxecto en varias cores (gris, prata ou dourado).

Sobre o autor

Reply