A través dun comunicado de prensa o fabricante surcoreano LG vén de confirmar un novo smartphone, o LG G7 ThinQ, así como a data da súa presentación. Será nun evento que terá lugar o día 2 de maio en New York (3 de maio en Corea).
O novo smartphone de LG xa pasou varias veces por diante das cámaras. A primeira vez foi logo da celebración dun evento privado cun grupo reducido de persoas durante a celebración do Mobile World Congress en Barcelona, e a partir de aí repetiu en moitas ocasións.
Do seu deseño podemos confirmar que será outro dos moitos terminais deste 2018 que integra o notch en pantalla, aproveitando ao máximo a pantalla infinita. Na parte posterior do dispositivo temos unha cámara dobre, co lector de pegadas dixitais.
No que ten a ver coas súas especificacións técnicas, polo de agora só podemos falar de rumores. Segundo parece, levaría o procesador Qualcomm Snapdragon 845, xunto con dúas opcións de configuración: 4 GB de RAM + 64 GB de almacenaxe interna ou 6 GB + 128 GB. A súa pantalla sería un panel OLED Fullvision e a combinación de cámaras traseiras de 16 + 16 Mpx.
Na parte software, visto o “apelido” que lle pon LG, confírmase que terá moita importancia a intelixencia artificial, outro dos grandes temas deste ano. Haberá que ver en que se traduce neste novo terminal, do que agardamos ir coñecendo máis novas nas próximas semanas.