Todo o que sabemos do Samsung Galaxy M20 antes da súa presentación

Samsung está a piques de anunciar novidades na súa gama media, e iso nótase no número de filtracións que están a xurdir nestes últimos días. Os que máis chaman a atención son os relacionados co Samsung Galaxy M20, un modelo moi interesante tanto polo seu deseño como polas súas especificacións.

Sobra dicir que este novo modelo de Samsung é un trebello de pantalla infinita, iso xa se dá por suposto. O que si hai que destacar é queo fabricante integrou o notch, aínda que con forma de pequena pinga e non o gran espazo recutado en pantalla que moitos fabricantes copiaron do iPhone.

O novo Galaxy M20, que inaguraría a “serie M”, integraría unha pantalla SuperAMOLED de 6,3 polgadas con resolución FullHD+ e formato 19.5:9. No seu interior levaría un procesador propio modelo Exynos 7885 (4 x 2,2 GHz e 4 x 1,6 GHz), xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de atée 512 GB.

No apartado fotográfico non podía faltar a dobre cámara traseira, formada por sensores de 13 e 5 megapíxeles con apertura f/2.2, mentres que na parte de diante temos unha cámara frontal de 8 megapíxeles.

En canto ao resto de características, leva un sensor de pegadas dixitais situado na parte traseira, jack de auriculares de 3.5 mm, unha xenerosa batería de 5000 mAh de capacidade e Android 8.1 Oreo de serie

É probábel que durante o CES que se celebra en Las Vegas durante esta semana teñamos máis información sobre o seu posíbel lanzamento e tamén os prezos no que podería saír á venda.

Sobre o autor

Reply