Analizamos o Crosscall Trekker X4

Os smartphones robustecidos son cada vez máis populares, en boa medida porque son uns grandes aliados tanto en entornos empresariais (almacéns, o sector da madeira…) como naqueles de ocio en exteriores. Porén, é bastante habitual que nos encontremos con que estes dispositivos son trebellos de grandes dimensións e, o peor, de pesos elevados.

Polas nosas mans vén de pasar o Crosscall Trekker X4, un dispositivo que xa vos adiantamos tras a nosa visita ao stand do fabricante no Mobile World Congress, e que agora puidemos probar.

O Trekker X4 pretene rachar cos tópicos o ofrece unha experiencia robustecida cun peso moi aceptábel, 213 gramos. Ademais pretende tamén substituír ás cámaras de acción, para o que se complementa de toda unha serie de accesorios que xa vimos por este blog. Vexámolo máis polo miúdo.

Deseño e acabado

Como adiantamos na introdución, o Trekker X4 aposta polo deseño, ofrecendo unha experiencia máis compacta (aínda sendo grande) e lixeira, sen renunciar á parte que o fai máis interesante: a resistencia.

Para a súa fabricación empregouse Gorilla Glass na parte da pantalla, co obxectivo de reforzar de golpes e rabuñadoras, e o aluminio para absorver os golpes durante as caídas.

Está selado para poder resistir os somerxementos segundo o estándar IP68 (2 metros de profundidade durante unha hora), e aínda que non é habitual,, a marca anima a empregalo durante a práctica deportiva na auga, mesmo en entornos salgados.

Hardware e rendemento

O Trekker X4 vén equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 660, xunto con gráfica Adreno 512. Dispón de 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 512 GB de capacidade.

Dispón de porto de carga USB-C, NFC para poder facer pagos móbiles e toda unha serie de sensores que fan que se lle poida sacar todo o partido ao trebello, entre os que destacan o sensor UV, o termómetro, o higrómetro, o altímetro ou o barómetro, entre outros.

Pantalla

O Crosscall Trekker X4 incorpora unha pantalla de IPS de 5,5 polgadas con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles), cunha capacidade de brillo de 450 cd/m², o cal se traduce nunha correcta visualización en entornos exteriores.

Sorprendeunos neste punto a boa experiencia en canto a ángulos de visión, e tamén que pode empregarse sen problema mesmo con luvas postas.

Cámara

A cámara é un dos apartados nos que máis nos adoitamos fixar como usuarias á hora de adquirir un trebello, e o fabricante sábeo. Por iso, entre os seus obxectivos con este apartado está facer que o teléfono sexa a cámara de acción das usuarias.

Para facelo posíbel temos unha cámara principal de 12 megapíxeles, o sensor IMX386 de Sony, acompañado de flash LED de dobre ton e autoenfoque híbrido (PDAF + láser). Esta cámara permite varios ángulos de visión, configurábeis polas usuarias (88, 110, 140 e 170 graos), e tamén gravación en 4K a 30 fps. Na parte de fotografía, é compatíbel co formato de imaxe RAW.

Os resultados resultaron bastante positivos, con cores moi fieis coa realidade e vídeos nítidos e estábeis a pesar do movemento, polo que neste aspecto o terminal aproba con nota.

Para rematar este apartado cabe sinalar que na parte frontal temos unha cámara de 8 megapíxeles, para selfies e videochamadas, cunha calidade media.

Software

En canto ao software, atopámonos cun modelo que opta pola experiencia Android pura, sen apenas personalizacións de software, máis aló de pequenas cousas.

A única aplicación que trae propia, máis aló de todo o relativo á cámara e ás súas opcións, é X sensors, que nos permite acceder aos resultados das medicións dos diferentes sensores que leva o trebello (temperatura, posición, humidade…)

Botamos algo en falta a presenza dunha sorte de tenda de aplicacións propia na que poder acceder dun xeito máis doado a unha serie de aplicacións para sacarlle todo o partido a un terminal destas características, aínda que tamén é certo que están na Play Store para calquera que as queira atopar.

Batería

A batería é de 4400 mAh de capacidade, e admite carga rápida QuickCharge 3.0 de Qualcomm. Grazas a ela conseguimos ter unha autonomía de día e medio para un uso intensivo ou mesmo chegar aos dous días nos momentos de uso máis medio.

Conclusións

Para concluír podemos sinalar que o Crosscall Trekker X4 é un dispositivo todoterreo moi interesante (e moi a ter en conta) por todas aquelas que buscan un teléfono resistente para traballar ou para o seu ocio.

Resulta especialmente interesante todo o ecosistema de accesorios do que dispón, e dos que xa vos falamos recentemente no noso blog.

O Crosscall Trekker X4 pódese mercar no noso país a través de tendas como Amazon por 650 euros.

Sobre o autor

Reply