Múltiples melloras na actualización de marzo dos Google Pixel

Non cabe dúbida de que un dos aspectos diferenciais dos Google Pixel é o seu software, onde Google está a realizar un traballo inxente por diferenciarse do resto de fabricantes cunha versión limpa pero chea de funcionalidades interesantes.

Entre estas funcións están as exclusivas Feature Drops, actualizacións que inclúen funcionalidades únicas para os Pixel. A segunda destas Drops chegou coa actualización de marzo, e trae interesantes novidades para as uasuarias destes modelos de terminal.

Unha delas é a programación do modo escuro, un xeito de decidir cando queremos que o noso smartphone comece a empregar este modo máis cómodo para a noite. As usuarias poden escoller que isto pase a partir dunha hora do día, ou simplemente que se active automaticamente ao anoitecer.

Por outra banda, temos a integración de Google Pay no botón de acendido, de maneira que pulsando o botón de acendido teremos acceso directo ás tarxetas de pago e de fidelización de maneira automática, sen ter que andar abrindo a aplicación.

A última Feature Drop tamén achega 169 novos emojis para aumentar a diversidade, tanto de xénero como de cor de pel, así como un número maior de combinacións de parellas.

No caso concreto do Pixel 4, o novo xesto Motion Sense serve para parar e reanudar unha canción, ao tempo que se ofrecen novos efectos de realidade aumentada a través de novos filtros de Google Duo.

Sobre o autor

Reply