Vingroup pon o ollo en LG tras terse feito con BQ

Logo de 23 trimestres seguidos acumulando perdas, LG podería estar barallando desfacerse da división móbil, ben sexa pechándoa, vendéndoa ou reducindo a súa importancia dentro do negocio global de LG.

Así o recolle a prensa local de Corea do Sur, onde se fan eco dunha mensaxe interna do CEO da compañía, Kwon Bong-seok, quen afirmou que chegou o momento de “tomar unha decisión”. O directivo reflexionou sobre o mercado global de smartphones, un mercado “cada vez máis feroz”, e apuntou que “con independencia dos cambios […] o emprego manterase”, o que fai pensar que a decisión xa está bastante encamiñada.

Vingroup amosa interese

Segundo informa tamén a prensa local coreana, o xigante vietnamita Vingroup non só estaría interesado en facerse con esta sección de LG, senón que ademais sería o mellor posicionado para facelo.

Vingroup é a empresa que se fixo co 51% da española BQ, co obxectivo de adquirir toda a súa enxeñaría, creando a marca Vsmart que xa conta cunha boa cantidade de terminais no mercado vietnamita (aínda que retiraron tanto a súa presenza como a de BQ do Estado español).

Pese a súa corta vida, Vingroup é na actualidade o terceiro produtro de smartphones en volume de Vietnam, logo de Samsung e Oppo, que tamén fabrican nese país.

As próximas semanas apuntan a ser clave, e veremos como evoluciona este movemento importante no mercado móbil.

Sobre o autor

No Responses

Reply