O Nokia X20 xa se pode mercar no noso país

A comezos do mes de abril Nokia deu a coñecer a súa nova familia de terminais de gama media, cos Nokia X10 e Nokia X20, o segundo dos cales ponse agora á venda no noso país, ampliando así a gama de terminais desta gama que ofrecen conectividade 5G.

O dispositivo integra o procesador Qualcomm Snapdragon 480 octacore, un modelo que se está a popularizar entre os dispositivos da gama media de moitos fabricantes ao ofrecer conectividade 5G, unha demanda crecente entre as consumidoras. Xunto a este procesador temos 8 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna.

A pantalla é un panel de 6,68 polgadas, fabricada con tecnoloxía LCD. Ten unha resolución FHD+ (2400 x 1080 píxeles), frecuencia de actualización de 60 Hz e unha relación de aspecto de 20:9.

No apartado fotográfico, Nokia apostou por introducir unha cámara de catro sensores na parte traseira, sendo o principal de 64 MP. Completando esta temos un gran angular de 5 MP, un sensor macro de 2 MP e un sensor de profundidade de 2 MP. Por outro lado, na cámara dianteira temos un sensor único con resolución de 32 MP.

En canto ás opcións de conectividade, o novo Nokia X20 soporta WiFi de dobre banda, Bluetooth 5.0, NFC, USB-C e dual-SIM, ademais da xa citada conectividade móbil 5G. A súa batería é de 4470 mAh de capacidade, con carga rápida de 18 W.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Nokia X20 xa se pode mercar no noso país, estando dispoñíbel en dúas cores diferentes: azul nórdico e sol de medianoite. O prezo de venda é 379 euros.

Sobre o autor

Reply