Vodafone duplica os datos nas súas tarifas prepago polo verán

Conforme se vai aproximando o verán as operadoras van dando a coñecer as súas ofertas estivais, e seguindo coa tradición dos últimos anos, serán moitas as que escollerán agasallar gigas de datos como principal reclamo. A primeira en facelo este ano é Vodafone, que vén de desvelar a súa proposta para o segmento prepago.

Desde onte, as usuarias da compañía desta modalidade que fagan unha recarga dos seus beneficios, recibirán o dobre de gigas na súa tarifa sen ter que pagar máis. Esta promoción actívase de maneira automática, e por suposto non afecta ao prezo da súa tarifa.

Deste xeito, a oferta de Vodafone queda do seguinte xeito:

  • Vodafone Prepago S Voz. 20 GB (10 sen promoción) + chamadas ilimitadas a números estatais e Rumanía por 10 €
  • Vodafone Prepago S. 24 GB (12 sen promo) + chamadas ilimitadas a todos os prepagos de Vodafone + 300 minutos a números estatais e 56 destinos internacionais por 10 €.
  • Vodafone Prepago M. 40 GB (20 sen promo) + chamadas ilimitadas a números estatais e Rumanía + 800 minutos de chamadas internacionais a 55 países por 15 €.
  • Vodafone Prepago L. 70 GB (35 GB sen promo) + chamadas ilimitadas a números estatais e Rumanía por 20 €.

Desta promoción tamén se beneficiarán as usuarias das tarifas prepago de Vodafone Yu, coa salvedade de que neste caso só se aplica á clientela actual e non á que puidera sumarse á compañía durante esta campaña. Estas tarifas quedarían do seguinte xeito:

  • Yuser. 28 GB (14 sen promo) + chamadas ilimitadas por 10 €.
  • Super Yuser. 30 GB (15 sen promo) + GB ilimitados en redes sociais e mensaxería + chamadas ilimitadas por 10 €.
  • Mega Yuser. 60 GB (30 sen promo) + GB ilimitados en redes sociais e mensaxería + chamadas ilimitadas por 20 €.

Todas as tarifas prepago de Vodafone renovan automaticamente os seus beneficios cada 28 días. No caso de non terse consumido a totalidade dos minutos ou datos da tarifa, poden acumularse en cada renovación, até un máximo de 3 veces, sendo os gigas promocionais non acumulábeis.

Sobre o autor

Reply