Analizamos o Samsung Galaxy Watch 4

Recentemente puidemos probar o Samsung Galaxy Watch 4, o smartwach de Samsung herdeiro da liña Active, e o primeiro en ter como sistema operativo WearOS de Google personalizado por Samsung, o cal ofrece diversas vantaxes.

Características técnicas

Existen diferentes versións do Galaxy Watch 4 atendendo ao tamaño e á conectividade. Así, temos a posibilidade de facernos cun reloxo de 40 mm. (pantalla de 1,9 polgadas) ou de 44 milímetros (pantalla de 1,36 polgadas), así como con conectividade unicamente Bluetooth (5.0) ou tamén con LTE a través de eSIM.

Sexa cal sexa a versión, hai cousas que son comúns, como o seu procesador, o Exynos W920 de 5 nm fabricado por Samsung, xunto con 1,5 GB de memoria RAM e 16 de almacenaxe interna para aplicacións ou contidos multimedia. Tamén é común a todas as versións a calidade da pantalla, un panel SuperAMOLED con 900 Luxes e protección Corning Gorilla Glass, que ofrece unha gran experiencia en todos os escenarios.

Dispón de todo tipo de sensores, entre os que destacan o acelerómetro, xiroscopio, BioActive (para frecuencia cardíaca), barómetro, electrocardiograma (ECG), SpO2, luz ambiente e de impedancia bioeléctrica (BIA).

A batería é de 247 mAh de capacidade, con carga sen fíos Qi, e dispón de NFC para pagos móbiles e WiFi de dobre banda.

Deseño, acabado e conexións

Do deseño do Watch 4 destaca o seu minimalismo, que se converte en virtude para ofrecer unha apariencia de modelo premium. Prescinde do bisel mecánico da versión “clásica” do reloxo e integra unha pantalla plana, a diferenza dos Active, que tiñan unha lixeria curva no lateral.

Ten dous botóns, un para acceso aos menús e activar o asistente Bixby, e outro para activar Samsung Pay e pagar co chip NFC. Un deles, o superior ten un bisel en vermello que ofrece un plus de elegancia ao romper co minimalismo que ofrece o reloxo.

Como está pensado para a práctica deportiva, o Watch 4 vén certificado co estándar IP68, para que poidamos nadar con el, e de feito cómpre lembrar que cuantifica esta actividade entre as opcións deportivas que nos ofrece (unhas 90 actividades diferentes).

A correa que vén de serie, de goma, é moi cómoda e duradeira, e pode intercambiarse de maneira doada, xa que é un estándar de 20 milímetros, o que permite escoller outras dependendo do uso que lle queiramos dar en cada momento.

Sistema operativo e uso

O reloxo é totalmente personalizábel grazas ás diferentes esferas que trae preinstaladas e ás ducias que podemos atopar desde a tenda de aplicacións, aínda que debemos ter en conta que pode que moitas destas esferas infúan ao consumo enerxético, polo que é algo que debemos considerar.

A capa de personalización de Samsung sobre WearOS fai que a transición desde un modelo anterior da compañía con Tizen sexa menos “traumática”, xa que moitas cousas e xestos continúan a ser os mesmos. As principais novidades témolas tanto na disposición das apps dentro do “caixón” do reloxo como, e isto é máis importante, nas aplicacións en si.

Así, por exemplo, podemos desfrutar de apps como Google Maps, para o guiado por un traxecto durante un paseo, algo que botábamos de menos nos modelos con Tizen, e ademais sen ter que instalar especificamente a aplicación no reloxo.

Batería

A batería ofrécenos unha autonomía para 2 ou 3 días completos se empregamos o smartwatch de maneira activa, é dicir, facendo uso de aplicacións, empregándoo para cuantificar a nosa actividade deportiva e sono.

Porén, para un uso máis pasivo (notificacións e mirar a hora), a autonomía aumenta considerabelmente, chegando aos 5 días de autonomía sen moita complicación.

Conclusións

A nosa principal conclusión sobre o Galaxy Watch 4 é que estamos ante un dispositivo que mima o deseño, conta cunha pantalla de boa calidade e mellora especialmente a usabilidade grazas á integración de de WearOS.

Está dispoñíbel por uns 250 euros, aínda que se o mercamos por Internet debemos coidar que a versión que mercamos sexa a destinada ao noso país, posto que senón pode que teñamos problemas para empregar aplicacións como Samsung Pay.

Sobre o autor

Reply