Oppo anuncia a chegada de novos dispositivos ao mercado europeo

O fabricante chinés Oppo pretende seguir aumentando a súa crecente cota de mercado no mercado europeo, e onte celebrou un evento en París que deixou varios titulares. Entre eles destacan os anuncios da dispoñibilidade en Europa de varios modelos, como a serie Oppo Reno8 Series, que xa fora anunciada, pero tamén a chegada dunha nova tablet (Oppo Pad Air), unha pulseira de actividade (Oppo Band 2) e outros produtos IoT.

Oppo Reno8 Series

A última xeración da serie Oppo Reno pon o foco nas súas capacidades de cámara, así como no deseño. Está formada por dous terminais, o Oppo Reno8 Pro 5G (máis ambicioso), e o Oppo Reno8 5G. Ambos modelos inclúen dous sensores emblemáticos de Sony, o RGBW IMX709 de 32 MP para a cámara frontal – que permite selfies con maior nitidez en condicións de pouca luz – e o sensor IMX766 de 50 MP como protatogista cámara principal, que destaca polo seu rendemento.

O Oppo Reno8 Pro 5G conta coa NPU de imaxes MariSilicon X, de creación pola propia Oppo, que permite facer gravacións 4K Ultra Night Video para obter vídeos tomadas de noite ultra claros, máis brillantes e cun maior nível de nitidez, así como 4K Ultra HDR Video, para manter os detalles tanto das luces como das sombras.

Tamén destaca a inclusión en ambos modelos de SUPERVOOCTM de 80W, o sistema de carga ultrarrápido de Oppo, que permite cargar a metade da batería de 4.500 mAh nuns 10 minutos, e a totalidade da mesma en arredor de 30 minutos. Ademais, con Battery Health Engine, Oppo afirma que os seus dispositivos manteñen até o 80% da capacidade orixinal das baterías logo de 1600 ciclos de carga completos, o que vén a ser o dobre do estándar actual da industria, que se sitúa nuns 800 ciclos de carga.

As pantallas son de tipo AMOLED, con alta taxa de actualización, e en canto a procesadores, o Oppo Reno8 Pro 5G inclúe o chipset SoC MediaTek Dimensity 8100-MAX, con sistema de refrixeración ultra condutor, xunto con 8 GB de memoria RAM e unha capacidade de almacenaxe de 256 GB, cun rendemento sostido e sen sobrequecementos. No caso do Oppo Reno8 5G, o procesador incluído é o MediaTek Dimensity 1300, con sistema de refrixeración líquida.

Oppo Pad Air

Oppo tamén deixou claro onte en París que quere dar o salto ao mercado das tablets por estas latitudes, e por iso anunciou no evento a Oppo Pad Air, a primeira tablet do fabricante que poderemos mercar oficialmente aquí.

Dela destaca a presenza dun procesador Qualcomm Snapdragon 680, unha pantalla con resolución 2K de 10,36 polgadas, un sistema formado por catro altofalantes compatíbeis con son Dolby Atmos e unha batería de 7.200 mAh que ofrece máis de 10 horas de uso activo de pantalla.

Oppo Band 2

A pulseira de actividade Oppo Band 2 destaca pola súa pantalla grande ultra clara de 1,57 polgadas, cunah densidade de 302 PPI e un brillo de até 500 nits. Incorpora un sensor de movemento de 6 eixos de precisión, así como medidores da frecuencia cardíaca e do oxíxeno na sangue.

Admite até 100 tipos de adestramentos programábeis e detección automática de 4 modos (camiñar, correr, elíptica e remo), e contrala o sono, incluíndo datos como a duración, as fases, os ciclos de sono REM, ou mesmo os ronquidos.

A súa batería permite até 14 días de autonomía, e un día completo de uso con 5 minutos de carga (tempo total de carga dunha hora).

Dispoñibilidade e prezo

O Oppo Reno8 Pro 5G está dispoñíbel por 799 €, mentres que o Opo Reno8 5G custa 549 €. En ambos casos, de maneira promocional polo seu lanzamento, inclúen un pack de regalo, que no caso do modelo “Pro” está composto por uns auriculares Oppo Enco X2 e unha funda de silicona líquida, e no modelo estándar por uns auriculares Oppo Enco Free2 e unha funda de silicona líquida.

A tablet Oppo Pad Air pódese adquirir por 299 € con 64 GB ou por 349 € no caso de escoller o de 128 GB. En ambos casos a RAM é de 4 GB.

Pola Oppo Band 2 haberá que agardar un pouco, xa que chegará ao mercado europeo en novembro, podéndose mercar en dúas cores: negro e azul.

Sobre o autor

Reply