Motorola amosa un concepto de terminal que podes levar arredor do pulso

É tan só un concepto, pero a imaxe fala por si soa: Motorola imaxina un futuro con pantallas enrolábeis e cun modelo propio de IA. O trebello que abre este artigo é un dispositivo con pantalla pOLED flexíbel, que pode adaptar a súa forma ás necesidades das usuarias, até o punto de poderse colocar arredor do pulso, malia que seguramente resultase un tanto incómodo ou pesado.

Trátase dun dispositivo con panel de 6,9 polgadas, un tamaño de pantalla habitual, que ademais de poderse enroscar arredor do pulso, tamén pode empregarse para colocar o dispositivo sobre unha superficie e ofrecer contidos empregando 4,6 polgadas de pantalla.

Se con isto Motorola aínda non logrou sorprendernos, hai máis: cunha fotografía da roupa que levamos posta, o dispositivo é capaz de xerar un fondo de pantalla con intelixencia artificial adaptado ao estilo, converténdose nun complemento do noso outfit.

MotoAI

Destrás destas innovacións baseadas en intelixencia artificial está MotoAI, un asistente que Lenovo está a desenvolver, tanto para os smartphones Motorola como para ordenadores.

Un asistente que vai máis aló de responder ás preguntas que lle facemos, e que inclúe funcións como a xeración de contido ou aquelas ligadas á produtividade, como a capacidade de resumir textos, correos ou informes en aras de facernos perder menos tempo.

Máis información | Motorola

Sobre o autor

Reply