Facebook e Instagram estrean versión de pago sen anuncios

Meta, a empresa detrás de Facebook e Instagram, estrea este mes de novembro en Europa unha versión baixo subscrición, a cal elimina os anuncios que as usuarias ven nestas redes. Trátase dunha medida que lle permite cumprir coa regulación europea en materia de privacidade.

O prezo destas subscricións será de 9,99 €/mes, se se fai desde a web, ou de 12,99 € se se fai desde o móbil, unha diferenza que se explica pola comisión imposta polas tendas de aplicacións de Google e Apple. Malia todo, quen non desexe pagar pode seguir facendo uso das versións con publicidade, como até o de agora

Segundo apunta Meta nun comunicado, até marzo de 2024 estas susbcricións cubrirán todas as contas asociadas ao centro de contas de cada usuario, se ben a partir desa data cada conta adicional terá un custe de 6 ou 8 euros ao mes, segundo se active desde a web ou desde a tenda de aplicacións de Android ou iOS.

Internet sustentada en anuncios

Meta aproveitou o anuncio para posicionarse sobre os motivos regulatorios comunitarios que obrigan á compañía a ofrecer este servizo de pago, e ao tempo que “respeta o espírito e propósito das regulacións” que motivaron as sancións contra eles, tamén afirma que cre “nunha Internet sustentada en anuncios, que permita ás usuarias acceder a produtos e servizos personalizados sen custe”.

Máis información | Meta

Sobre o autor

Reply