Samsung apostaría por un formato de pantalla máis cadrado no Galaxy Z Fold6

Algúns dos dispositivos máis interesantes do portfolio de modelos que comercializa Samsung son os da serie Galaxy Z Fold, trebellos que se dobran sobre si mesmos en formato libro, facendo que teñamos unha gran pantalla -tipo tablet pequena- cando os abrimos. Isto fai que sexan modelos moi interesantes especialmente no ámbito laboral, xa que permite traballar con documentos dunha maneira especialmente cómoda e eficaz.

Porén, ao encartarse, moitas usuarias acusaban que a pantalla externa resultaba algo estreita e alongada, polo que semella que Samsung está a traballar para ofrecer un formato mías cadrado, semellante ao dos smartphones actuais. De ser certo, sería a maior innovación na estética dunha serie que, cun vistazo rápido, pareceu quedar no mesmo deseño, malia que internamente sexan moitos os cambios entre as diferentes versións.

Unha pantente rexistrada por Samsung serviu a XLeaks para crear as imaxes renderizadas do que podería ser o deseño do Galaxy Z Fold6, esperado para despois do verán. Así mesmo, o novo modelo da serie non só sería máis cadrado, senón tamén máis delgado, facilitando o agarre e manexo do trebello.

Por outra banda, tamén se está a especular coa posibilidade de que Samsung anuncie este ano un terceiro modelo encartábel, ademais dos xa agardados Galaxy Z Fold6 e Z Flip6, máis económico. Isto suponse a partir dunha filtración dos nome en clave de tres modelos que prepara Samsung.

Esta cuestión ten moito sentido se temos en conta a redución de custes de materiais e tecnoloxías, e desde logo sería un gran empuxón para popularizar este tipo de modelos que cada vez van collendo máis protagonismo no noso mercado.

Sobre o autor

Reply