O sector da telefonía móbil perde outra marca: trátase do fabricante chinés Meizu, que vén de anunciar que deixa o negocio dos smartphones, cesando a fabricación de teléfonos co obxectivo de centrarse no desenvolvemento do que chama “dispositivos do mañá”, impulsados pola Intelixencia Artificial (IA).
Este movemento chega despois de que o fabricante de automóbiles chinés Geely adquirise no 2022 a empresa, o que supuxo importantes cambios na folla de ruta da compañía, cancelando o desenvolvemento dos próximos modelos previstos inicialmente, como o Meizu 21 Pro, o Meizu 22 e o Meizu 23.
Segundo parece, a empresa estaría planeando lanzar un novo sistema operativo móbil adaptado á IA, que podería chegar antes de final de ano da man dalgún tipo de produto hardware do que aínda non hai información.
En calquera caso, desde Meizu lanzan unha mensaxe de tranquilidade ás súas usuarias, asegurando que manterán o soporte dos dispositivos dispoñíbeis no mercado.