Hai 21 anos, no 2003, Galiza inaugurou Galnix, un punto neutro de conectividade promovido por R, Comunitel, Jazztel, Retevisión e o Centro de Supercomputación de Galiza. O obxectivo destas empresas era evitar o centralismo no tráfico de datos, e que estes tiveran que facer unha “viaxe de ida e volta” aos puntos situados en Madrid, reducindo así a latencia.
Desde aquela, houbo importantes cambios no panorama telco estatal. Comunitel foi adquirida por Vodafone. E R, Jazztel e Retevisión, tras varios cambios de mans, acabaron diluídas no que hoxe é MASORANGE. Estes cambios de dono e a perda do control galego sobre estas empresas influíron de maneira definitiva en que o uso de Galnix fose esmorecendo até o seu peche. De maneira análoga, o punto neutro vasco (Euskonix) sufriu a mesma sorte, e hoxe en día está amortizado.
Un novo Galnix
Isto pode mudar no 2025. Galnix vén de renacer como unha sociedade participada polas empresas Rede Aberta (operadora neutra de fibra óptica), Cloud.gal (empresa adicada á ofrecer servizos de nube a outras empresas) e Norvoz Telecom (operadora especializada en servizos de telecomunicación empresariais).
O obxectivo deste proxecto é mellorar o acceso a Internet no ecosistema empresarial galego, reducinddo a dependencia dos centros ubicados en áreas máis afastadas, como Madrid e Barcelona. As previsións apuntan a que entrará en funcionamento a comezos de 2025, e conta cunha subvención do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) de 2,1 millóns de euros.
O novo Galnix estará situado en Santiago de Compostela, e calcúlase que permitirá unha redución de até un 75% da distancia que os datos deben percorrer. Isto repercutirá directamente na latencia da navegación por Internet, ao tempo que incrementará a interconectividade entre operadores do sistema galego. Tamén se verá mellorada a seguridade, ao permitir a monitorización e unha xestión máis eficaz e próxima do tráfico de datos.
No seu nacemento, Galnix conta co respaldo de 26 institucións e empresas, incluíndo o Concello de Santiago; 13 operadoras de telecomunicacións; os dous Hubs de innovación dixital; os clústeres de automoción, enerxías renovábeis e TIC; ou os Colexios de Profesionais de Enxeñaría de Telecomunicacións, Informática e Enxeñaría Industrial. Tamén avanza en negociacións para establecer relacións e sinerxias con outros proxectos semellantes no ámbito español e europeo, como Espanix (o maior punto neutro do Estado Español); DE-CIX (situado en Alemaña) ou a Cidade das TIC, da Coruña.
Está previsto que Galnix constitúa un Consello Asesor, como órgano de consulta e asesoramento, para garantir a función esencialmente neutral e facilitadora para o ecosistema de Internet en Galiza. Este Consello estará integrado por representantes dos clústeres industriais, do sector das telecomunicacións e dos colexios e organizacións profesionais de enxeñaría de telecomunicacións e informática.