Android 5.0 Lollipop: a nova versión de Android

A mediados de ano, no incomparábel marco do Google I/O, os de Mountain View deron a coñecer algunhas pinceladas do que sería a nova versión de Android, complementadas con imaxes do cambio radical en canto a deseño que supón,  algo que foi facéndose tanxíbel (en certo modo) coas sucesivas actualizacións de aplicacións adaptadas ao novo estilo.

Falamos de Android L. Ou 5.0. Ou Lollipop. O nome foi unha incógnita practicamente até hoxe. Que se Lemon Pie, que se Lollipop, que se Lion… finalmente o doce escollido foi Lollipop. Como sabedes, Google gosta de ir seguindo a orde alfabética para as sucesivas versións do noso sistema operativo favorito, bautizándoas con nome de doce.

Lollipop

O que máis nos chama a atención de Android 5.0 é sen dúbida a súa nova interface, deseñada coidando moitos detalles e realizando unha mellora estética que supón un salto semellante ao que supuxo no seu día Ice Cream Sandwich. Con Lollipop temos unha nova experiencia de usuario que inclúe iconas actualizadas, notificacións melloradas e animacións en 3D.

Complementan estas opcións as posibilidades extra que achegan os dispositivos Android Wear, nomeadamente os reloxos intelixentes, permitindo desbloquear smartphones e tablets coa nova versión sen ter que introducir patróns ou códigos PIN.

Android 5.0 – Lollipop vén de serie nos novos dispositivos Nexus presentados esta tarde, o Nexus 6 e o Nexus 9, aínda que tamén estará dispoñíbel para outros trebellos Nexus proximamente. Podemos imaxinar que nas próximas horas ou días os diferentes fabricantes irán facendo públicas as súas listaxes de dispositivos actualizábeis á nova versión de Android.

No Responses

Deixa un Comentario