A francesa Archos está a introducir en varios dos seus últimos dispositivos conectividade 4G, unha funcionalidade que nos permite acceder a maiores velocidades de conexión, sempre e cando a nosa operadora ofreza dito servizo. Vimos de probar a nova tablet Archos 80 Helium 4G, un dispositivo de 8 polgadas co que poder acceder a todo tipo de contidos sen importar onde nos atopemos.
Deseño, acabado e conexións
O deseño da tablet non se sae do común, dispondo de xenerosos marcos que nos permiten soster a tablet en calquera das súas orientacións sen ter que poñer os dedos riba da pantalla. Na parte frontal unicamente atopamos a cámara, situada na parte superior central, mentres que na parte posterior do trebello temos o dobre altofalante, a cámara principal e unha pequena lapela desde a que podemos acceder aos compartimentos da SIM e da tarxeta microSD de ampliación de memoria.
Todos os botóns e conectores sitúanse no lateral esquerdo, unha situación extrana estando acostuamdos a telos no dereito (cousas de destros). De arriba abaixo, seguen esta orde: puntiño de reseteo, botón de acendido / apagado, controis de volume, micrófono, microUSB e jack de audio 3.5; todos eles veñen identificados para que non haxa dúbidas.
Para os acabados combínase o plástico co xa habitual alumio empregado por este fabricante nas partes traseiras de varios modelos, un material que achega unha maior sensación de calidade.
Pantalla
Tal e como se indica no nome, a tablet incorpora unha pantalla HD de 8 polgadas, cunha resolución de 1203 x 768 píxeles, que se sitúa por riba doutros paneis presentes en tablets da mesma categoría. Porén, isto non saca que poidamos apreciar os píxeles se nos fixamos especificamente nalgún punto da pantalla. Ten un formato 4:3 que nos resultou bastante cómodo para a lectura de documentos, aínda que non tanto para multimedia en formato panorámico, xa que se desperdicia parte do panel.
O seu comportamento en exteriores non é tan bo como cabería agardar dunha tablet con conectividade 4G, que se presupón pensada para poder empregar en calquera lugar. En condicións de alta luminosidade custa bastante ver algo con xeito nela.
Sistema operativo
Como é habitual nos produtos de Archos, a tablet vén cunha versión stock de Android, neste caso 4.3 Jelly Bean, sen personalizacións do fabricante, polo que a experiencia neste senso é similar a un produto Nexus.
Descoñecemos os plans da compañía de actualizacións, sobre todo se chegarán a incorporar Android 5.0 Lollipop, pero sen dúbidas sería unha grandísima nova.
Cámara
Vén con dobre cámara, a traseira de 5 Mpx e a frontal de 2 Mpx. Non somos moi partidarios de empregar as tablets como cámaras, polo que simplemente entendemos que teñen unha función cumpridora, e neste sentido fan o que se agarda delas, sobre todo a frontal, ofrecendo unha calidade abonda para videochamadas.
Batería
A tablet dispón dunha batería de 3500 mAh, a priori non moito maior aos 3000 mAh habituais dos smartphones de 5,5 polgadas.
A duración práctica dependerá un pouco do uso que lle deamos: para empregar na casa, con WiFi e uso normal, poderemos chegar aos dous días de autonomía, xa que o seu consumo en espera é moi baixo. Porén, se facemos uso do seu potencial 4G veremos que o consumo se dispara, chegando moi xustos ao final do día.
Conclusións
As especificacións da tablet inclúen un procesador SnapDragon 400 a 1,2 GHz, xunto con 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, que como dixemos antes, son ampliábeis por microSD. Con eles conseguimos un notábel rendemento, sen lags aparentes en calquera situación, mesmo cos xogos, o cal é un punto moi favorábel. Non cabe dúbida que a escolla dun procesador SnapDragon fronte a MediaTek, máis habitual neste tipo de trebellos, xoga moito ao seu favor.
Que teña ademais capacidade para redes 4G ábrenos a porta a que poidamos usar a tablet en calquera lugar, o cal tamén é un punto a ter en conta polos usuarios máis activos. Cómpre sinalar que ten capacidade de teléfono e non só conectividade de datos, polo que as opcións nseste sentido son totais.
Podémola mercar por 220 €, un prezo realmente comedido para un trebello moi equilibrado.
Saúdos.
Eu ando coa teima de me facer cunha tablet, máis ca nada para un uso doméstico, entretetenemento, consultar internet, o mesmo reproducir medios (videos conectada ao televisor, por exemplo).
Non quería ir máis aló dos 200€ (esta Archos podería ser unha opción) pero queimame moito o lag e a falla de fluidez (nos teléfonos, que é do que máis teño probado, é desesperante), polo que igual a oferta de dispositivos decentes ata ese límite de prezo non é moita.
Sobre o tamaño da pantalla, a verdade é que non che sei, igual oito polgadas é suficiente, pero en mente tiña algo en torno ás 10. Anque se cadra compensa quedarse nas oito para ter un mellor hardware (pantalla aparte) polo mesmo prezo, non?
Teño mirado cousas de BQ (teño un teléfono Aquaris E5 FHD e vai moi ben) pero tampouco teño probado moitos cacharros destes e o meu criterio é limitado.
Non sei, que opcións vedes?
Por certo, non precisaría nin 3 nin 4g, ou polo menos non é algo que me preocupe. No caso de querer conectarme por eses mundos de dios sempre podo usar o teléfono como router.
Ah! E grazas!
Boas!
Esta Archos é unha boa opción no que hai por ese prezo, aínda que o tema do módulo de telefoná encarece, se non o vas usar. Do mesmo fabricante, por 200 euros e 10.1 polgadas tes esta, completiña e ben: http://www.archos.com/es/store/index.html?pn=502609&fam_id=tablets
Se pasas a BQ, outra opción moi recomendable nesa gama, a Edison 2. http://www.bqreaders.com/es/productos/edison-2-quad-core.html Se baixas na ligazón verás que hai 4 modelos, recomendámosche a de 2 GB de RAM (tamén 200 €).
Outra opción é Woxter. Gustounos a Evolution W2. Podes ver aquí a nosa análise (179 €) http://mallandonoandroid.com/blog/2014/09/01/wolder-mitab-evolution-w2-review/
Por un pouco máis (240 en Amazon) tes a LG G Pad 8.3, que dá bastante bo resultado. Eis a nosa análise http://mallandonoandroid.com/blog/2014/03/13/analise-lg-g-pad-8-3/
E finalmente, se prefires Samsung, a Galaxy Tab 4 está a moi bo prezo en PC Componentes. E é outro maquinón: 235 € http://www.pccomponentes.com/samsung_galaxy_tab_4_10_1__16gb_negra.html?gclid=Cj0KEQjwq52iBRDEvrC12Jnz6coBEiQA2otXAphvAUG0Y5o7cUEXF5HL07IuaHxQX7lbMuOHjRdii0caAoux8P8HAQ
Xa nos contarás por cal te decides!
Pois xa vos contarei.
Non ha de ser algo inmediato, iso case seguro, pero todo se andará.
Desde logo, é be certo que por uns prezos razonables pode un facerse con maquinillos bastante interesantes. Sorprendeume o prezo da Samsung, francamente, non o mirara.
En calquera caso, contareivos o que sexa ccando sexa.
Saúdos e moitas grazas.
Que vos parece esta oferta?
http://www.pccomponentes.com/bq_edison_2_10_1__ips_16gb_negro.html?utm_source=BS-2014-10-27-v2&utm_medium=email&utm_campaign=boletinsemanal&utm_content=58255-08
Bastante ben a verdade! 🙂
Non sei se atacarlle.
Contareivos.
Pois andei a mirar ben, e prezo ten que ver con que é o modelo Dual Core, cousa na que non reparara, e xa non me ten tanto interés. Eu antes tiña un teléfono dual core e púñase parvo a pouco que falaras con el dúas palabras. E se é importante nun teléfono, máis será nunha tablet.
Resumindo, creo que o propio sería un Quad Core, non si?
Si, nós tiraríamos por un quadcore, pero claro, todo depende do que queiras investir
Seguiremos investigando, a ver que pasa.
Como vos comentara, andaba atrás dunha tablet e escribo outra vez para vos contar que houbo fumata branca.
Finalmente foron máis de 200€, non houbo que facerlle, e a gañdora foi a bq Aquaris E10.
Non tiña pensado gastar tanto, certo é, pero o maquinillo está moi, moi ben. Unha pantalla moi decente (dalle unha volta a todas as que vin nese prezo e a outras máis caras tamén), unha autonomía moi boa e todo se move moi rápido e fluído, non notei que lle dera más traballo da conta nada do que tivo que facer ata agora.
Con franqueza, en relación calidade prezo, moitas cousas mellores non creo que haxa. Quitando que nunca está un libre de que dea problemas, pr agora teño a sensación de que foi unha moi boa compra.
Sempre dá gusto que saia ben unha compra. A ver se non cambia a percepción 🙂