Motorola presenta a terceira xeración do Moto G

Logo de ducias (se non centos) de filtracións, a terceira xeración do Moto G (ou Moto G 2015) é oficial, incorporando unha actualización das súas características técnicas e a resitencia á auga IPX7 como principal novidade.

Moto G 2015 frontal

A pantalla do Moto G 2015 é un pantel IPS de 5 polgadas con resolución HD e protección anti-rabuñadas Gorilla Glass. No interior atopámonos co procesador Qualcomm Snapdragon 410 a 1,4 GHz, o mesmo que incorpora o último Moto E (gama inferior). Vén acompañado con 1 GB de RAM e 8 GB de memoria interna (hai versión con 2 GB de RAM e 16GB de memoria interna) ampliábeis por microSD de até 128 GB, cámaras de 13 e 5 megapíxeles e batería de 2470 mAh.

Ao contrario que nos modelos anteriores, onde había unha versión 3G e outra 4G, desta vez sexa cal sexa o modelo que collamos (atendendo á RAM e memoria interna) virá con 4G e sistema dual SIM para podermos empregar 2 tarxetas SIM ao mesmo tempo.

Moto G 2015 traseira

En canto a software, vén con Android 5.1.1 practicamente limpo, aínda que como nos ten acostumados Motorola teremos algunhas aplicacións propias como Moto Display, Captura rápida ou Chop Twice, que activa o flash en modo lanterna sacudindo o móbil.

O deseño mantense semellante ao das xeracións anteriores, apostando polos acabados en plástico. Malia todo, a principal novidade son as carcasas intercambiábeis que permiten aumentar as opcións de personalización a través da ferramenta Moto Maker, aínda que semella que polo de agora esta función non estará dispoñíbel no noso país.

A versión con 1 GB de RAM e GB de memoria interna xa está dispoñíbel por 199 € en Amazon, Media Markt, El Corte Inglés, Fnac, Worten e Carrefour, ademais de a través dos operadores Vodafone, Orange e Yoigo. A versión con 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna chegará en setembro por 229 €.

Que vos parece esta nova versión do Moto G?

No Responses

Deixa un Comentario