Free ofrece 50 GB de datos móbiles cun método que podería usar R en Galiza

free-mobile

Na mesma mañá na que coñecemos a nova tarifa Sinfín de Yoigo, que malia ser a mellor alternativa no mercado en canto a volume de datos a prezo razonábel reduce 12 GB a tarifa inicial, desde Francia sabemos da nova proposta de Free.

Free é un operador francés que revolucionou as tarifas no país galo ao incluír 20 GB, chamadas e mensaxes ilimitados por 20 euros / mes. Mais agora van un paso máis aló, aumentando a capacidade de datos até os 50 GB, aínda que con truco.

Por 19,99 € (15,99 € quen teña contratada banda larga fixa), a clientela de Free gozará de chamadas e sms ilimitados en Francia, chamadas internacionais a fixos e 50 GB de datos mentres se use a rede 4G propia despregada na banda dos 2600 MHz, frecuencia na que a compañía ten un bloque de 20 MHz. Cando se navegue sobre a rede 3G (a través doutros operadores, porque Free é OMV), o volumen de datos a máxima velocidade limitarase a 3 GB, que segue sendo unha moi boa tarifa (se a comparamos coas que temos aquí).

O caso de Free é moi comparábel con R: operadores móbiles que naceron como OMV, adquiriron frecuencias de 4G na banda de 2600 MHz e ven como depender dun terceiro ao que alugar a rede limita a oferta de volumen de datos que poden ofrecer aos seus clientes. Porén, a diferenza de R (que malia dispór de frecuencias 4G non as usa nin, segundo din, teñen previsto facelo a curto prazo), Free optou por empregalas para mellorar a capacidade e experiencia das súas usuarias.

Con todo, cómpre lembrar que as redes na banda dos 2600 MHz son as máis custosas de despergar, pois teñen un menor alcance e peor penetración en interiores, facendo que practicamente só sexan rentábeis para os operadores que as explotan en entornos urbanos.

Deixa un Comentario