O lanzamento de novos trebellos Nexus sempre é unha boa nova, pero este ano se cadra o interese é maior, xa que no canto de un contamos con dous novos dispositivos. Falamos do Nexus 5X e o Nexus 6P, fabricandos por LG e Huawei, respectivamente.
Ambos os dous trebellos xa foran filtrados nos últimos días, tanto en imaxes promocionais como as súas especificacións, aínda que estas variaron nas últimas horas á espera das oficiais, que acaban de ser confirmadas.
Especificacións técnicas: fuxindo do hardware máis potente
Salvo os dous primeiros (Nexus One e Nexus S), o resto de dispositivos da saga Nexus non foron trebellos co hardware máis potente do momento no mercado, senón unha aposta por unha combinación de compoñentes que daban bos resultados e a optimización do software a ditas prestacións. Os novos Nexus repiten esta estratexia, e a grandes rasgos estas son as principais características técnicas:
LG Nexus 5X | Huawei Nexus 6P | |
Pantalla | 5,2″ (424 ppp) | 5,7″ (515 ppp) |
Procesador | Snapdragon 808 | Snapdragon 810 v2.1 |
RAM | 2 GB | 3 GB |
Memoria | 16 / 32 GB | 32 / 64/ 128 GB |
Cámaras | 12,3 / 5 Mpx | 12,2/ 8 Mpx |
Batería | 2700 mAh | 3450 mAh |
Conectividade | NFC / BT 4.2 | NFC / BT 4.2 |
Cores | Carbón, cuarzo, azul | Aluminio, grafito, escarcha e ouro |
Alén de todo iso, ambos os dous trebellos veñen equipados co novo USB Type C, carga sen fíos e sensor de pegadas dixitais, un elemento hoxe en día fundamental para autenticar ás usuarias.
En canto a prezos, a falta de confirmar os PVP no noso país, o Nexus 5X partirá dos 379 dólares na versión de 16 GB, mentres que o Huawei Nexus 6P na súa versión de 32 GB custará 499 dólares.
Android 6.0 Marshmallow
Como todos os Nexus, os novos 5X e 6P estrean versión de Android, neste caso a 6.0 – Marshmallow, que se ben non introduce grandes cambios de deseño supón un avance importante en canto a rendemento e seguridade.
Isto nótase especialmente na reducción do consumo de memoria RAM e na consecuación dunha maior autonomía (até un 30% máis en repouso) coa mesma capacidade de batería, algo que agradeceremos de seguir a tendencia dos gama alta deste ano que axustan a capacidade ao máximo.
Que vos parecen os novos dispositivos de Google?