Analizamos o Innjoo Halo

Logo de termos probado o Innjoo One semanas atrás hoxe pasa polas nosas mans o modelo máis básico da compañía, concebido como terminal de entrada ou primeiro móbil. Falamos do Innjoo Halo, un trebello que podemos adquirir por un prezo moi comepetitivo: 99 €.

Deseño, acabado e conexións

Ao ser gamas opostas non podemos facer unha comparación co One. Neste senso, o Innjoo Halo é un trebello grande con xenerosos marcos, sobre todo nas partes superior e inferior do dispositivo, e groso. Así mesmo tamén é algo máis pesado, aínda que lonxe de que isto sexa considerado como algo negativo achega sensación de resistencia.

innjoo halo - 3

Na parte frontal temos a cámara dianteira e os botóns clásicos de Android, mentres que por detrás está a cámara principal xunto co seu correspondente flash LED e o altofalante principal. No lateral esquerdo está o conector microUSB, no borde superior o jack 3.5 para o audio e no lateral dereito os botóns de acendido e controis de volume.

En canto a acabados, son en plástico, con certa rugosidade implementada na parte traseira que fai que sexa especialmente agradábel ao tacto. Vén combinado cunha banda metálica que rode a todo o dispositivo, mellorando considerabelmente a súa estética.

Hardware e rendemento

O dispositivo ten unhas prestacións semellantes ao resto de alternativas da súa gama de prezo. Integra un procesador de catro núcleos a 1,2 GHZ, 1 GB de memoria RAM, 8 GB de memoria ROM ampliábeis que por microSD e capacidades dualSIM, habituais en todo móbil que vén da China.

Son especificacións modestas, pero aínda así o trebello compórtase bastante ben para usos básicos como WhatsApp, redes sociais, correo electrónico etcétera. Cando se lle pide moito máis, por exemplo cos xogos, evidénciase a falta de potencia interna.

Sistema operativo

Incorpora Android 5.1 Lollipop e unha capa de personalización propia que achega iconas diferentes e bastante software preinstalado. Esta capa non ten un caixón de apps, senón que estas organízanse ao longo das diferentes pantallas que poidamos ter configurada e, por suposto, en cartafoles.

innjoo halo - 1

Neste senso, gustounos bastante a navegación por cartafoles que vén predefinida, moi cómoda e áxil para moverse entre grupos de apps de diferente tipo. O que non nos gustou tanto foi que trae preinstalado (ou nalgúns casos só con acceso directo) demasiado software, aínda que se pensamos desde a mirada dunha usuaria básica isto pode axudar bastante a entender o funcionamento dun smartphone.

Pantalla

Para a pantalla o fabricante escolleu un panel de 5 polgadas con resolución FWVGA, isto é, 854 x 480 píxeles. É sen dúbida o aspecto menos coidado do dispositivo, aínda que hai que recoñecer que para o tipo de terminal que é deféndese bastante ben.

O que si, non podemos agardar ter unha visión de calidade, senón aprobábel. Compórtase bastante ben os exteriores, no sentido de que podemos ler sen problema grazas a que ten bastante brillo, aínda que como aspecto negativo isto muda notabelmente as cores.

Cámara

A cámara principal ten 5 megapíxeles e conta con flash LED. No caso da cámara frontal atopámonos cun sensor de 2 megapíxeles. En ambos casos estamos ante dúas cámaras de escasa calidade, cun valor testimonial e que funcionan de xeito reguleiro en boas condicións. Así que hai pouca luz, os resultados son malos.

innjoo halo - 2

Na nosa páxina de Flickr podedes ver algunhas mostras en diferentes condicións.

Batería

A batería é un dos aspectos máis destacábeis deste terminal, xa que a combinación dunha capacidade xenerosa (3200 mAh) e unhas especificacións técnicas modestas fan que acade sen problema algún os 2 días de autonomía para un uso moderado.

É extraíbel e non ten implementados sistemas de carga sen fíos ou carga rápida, especificacións que aínda seguen a ser practicamente exclusivas das gamas máis altas.

Conclusións

Trátase dun dispositivo básico, orientado a un público moi determinado: xente que non pode ou quere gastar moito, xente que quere un trebello para facer catro cousas con el (WhatsApps, Facebook…) ou pícaros, a modo de primeiro móbil.

Pódese adquirir na tenda oficial da compañía por 99 €. Ademais, usando o código MALLANDONOINNJOO poderedes disfrutar dun desconto directo de 10 €.

Deixa un Comentario