Abanca ofrecerá pagos con Samsung Pay nas próximas semanas

Abanca será unha das primeiras entidades bancarias do estado (e practicamente do mundo) que permitirá ás súas clientas pagar co smartphone a través de Samsung Pay, a plataforma de pagos móbiles da coreana Samsung, que estará dispoñíbel inminentemente para as usuarias dos Samsung Galaxy S6, S6 Edge, S6 Edge+. S7, S7 Edge e Galaxy A5 (2016).

O departamento de Innovación de Abanca leva traballando conxuntamente con Samsung desde hai varios meses para desenrolar a integración do servizo no Estado español, algo que se traduce en que as usuarias do banco poderán realizar compras desde o móbil de maneira sinxela e segura en calquera establecemento comercial no que se poida empregar unha tarxeta de débito ou crédito contactless (a meirande parte dos terminais xa están adaptados).

abanca samsung pay 2

Ademais, Abanca tamén está a incorporar esta tecnoloxía contactless nos seus caixeiros automáticos, de tal xeito que poderemos sacar cartos en efectivos co noso móbil, prescindido da tarxeta e de ter que marcar o PIN no terminal.

Samsung Pay: un sistema de pago seguro, sinxelo e rápido

Samsung Pay é moi sinxelo de usar. As clientas de tarxetas Abanca unicamente deberán engadir estas á aplicación Samsung Pay, preinstalada nos dispositivos compatíbeis de Samsung. Feito isto, cada vez que se queira facer o pago dunha compra débese abrir a app, seleccionar a tarxeta de pago desexada e confirmar / autorizar o pago co sensor de pegada dixital. Como medida de seguridade alternativa, nos importes superiores aos 20 euros tamén será necesario marcar un PIN no teléfono.

A conexión entre o móbil e os terminais de venda (TPVs) realízase de forma inarámica, o que permite realizar a compra dun xeito rápido, sinxelo e totalmente seguro. Para mellorar este último punto, o da seguridade, Abanca emprega un número de tarxeta pasarela, non o real da nosa tarxeta, que o seu sistema traduce para poder facer o cargo na nosa conta.

Está previsto que Samsung Pay chegue ao noso país inminentemente, aínda que nin desde Samsung nin desde Abanca quixeron marcar unha data concreta no calendario.

No Responses

Deixa un Comentario