Probamos o cargador Hama de dobre saída para o coche

Son tantos os fabricantes de accesorios para os nosos trebellos que ás veces restámoslle importancia á hora de elixir un ou outro á hora de mercar. Porén, non é unha decisión baladí, dado que non todas as calidades son iguais e algúns produtos moi baratos (como cargadores) poden ser mesmo perigosos. Hai unhas semanas falámosvos do novo cargador Hama para o coche, que agora puidemos probar para coñecelo cun pouco máis de detalle.

Un dos puntos diferenciadores deste accesorio é que conta con dúas saídas USB con función de carga rápida e unha capacidade de até 3400 mAh (1 x 2400 mAh e 1 x 1100 mAh). Isto permítenos cargar ao mesmo tempo dous teléfonos, ou un teléfono e unha tablet ou o GPS e outro accesorio, algo que resulta especialmente interesante cando facemos viaxes longas e, sobre todo, se o noso coche non ten máis dunha saída eléctrica.

cargador hama - 1

Así mesmo, ten capacidade de autodetección, de maneira que nós, como usuarias, non nos temos que preocupar de nada máis ca de enchufar o trebello que queremos cargar, sen ter que facer seleccións ou configuracións adicionais. Así mesmo, a pantalla LED indicaranos a voltaxe.

cargador hama - 3

Outro aspecto interesante deste cargador Hama é o seu deseño. Conta unha bisagra que permite un amplo grao de adaptabilidade, facilitando o seu acople a diferentes tomas de corrente dos vehículos, algo que sen dúbida tamén é de agradecer, xa que non sempre están facilmente accesíbeis.

Durante as semanas de probas a nosa experiencia foi moi positiva, conseguindo altas porcentaxes de carga en pouco tempo para manter os nosos trebellos con batería. Se estades interesadas en facervos cun, pódese atopar en tendas como Amazon por uns 12 euros.

Deixa un Comentario