A EU retira a proposta de límites no roaming, aínda que a alternativa podería ser peor

Esta semana tivemos acceso ao borrador da Comisión Europea en relación coa política de uso razoábel ligada á fin do roaming prevista para o ano que vén, no que se falaba dun máximo de 90 días ao ano e 30 días consecutivos. empregando unha rede allea.

A nova provocou reaccións negativas entre as usuarias, que agardaban que a fin do roaming fose total, malia que desde que se comezou a falar do tema xa se tiña explicado que chegaría acompañado dunha política de uso razoábel que limitase o seu uso.

Hoxe soubemos que este borrador vén de ser retirado pola propia Comisión, comprometéndose a traballar nunha alternativa que se dará a coñecer nos próximos días. Porén, a nova versión podería ser máis restrictiva, pois foron varios os reguladores estatais, entre eles o español, os que se tiñan manifestado a favor de limitar o roaming gratuíto nun máximo de 30 días ao ano.

O lobby das operadoras tamén estaría facendo presión no mesmo sentido, pois sempre se amosaron contrarias ao fin do roaming, co fin de evitar que as usuarias poidan contratar unha tarifa de outro país que poida ser máis vantaxosa.

Mentres non chega unha fin do roaming lexislada, as usuarias podemos escoller alternativas como Vodafone, cuxas tarifas de contrato inclúen roaming coas mesmas condicións ca en España en toda Europa e Estados Unidos, ou dispoñer dunha SIM Orange co módulo Go Europa, que por 1 €/día de uso ofrece 100 MB de navegación.

No Responses

Deixa un Comentario