Wolder anuncia a miTab Connect 10.1 4G, a súa primeira tablet 4G

wolder-mitab-connect-10-1-4g-1

Malia que ultimamente semella haber poucas novidades no mercado das tablets, Wolder vén de anunciar o lanzamento dun novo modelo, desta vez orientado á mobilidade. Trátase da Wolder miTab Connect 10.1 4G, a primeira tablet deste fabricante que inclúe conectividade 4G LTE. Ademais, o seu prezo é bastante contido, pois comercialízase por 149 euros.

Especificacións

Por menos de 150 euros Wolder ofrece na súa miTab Connect 10.1 4G un dispositivo que incorpora unha pantalla IPS de 10,1 polgadas con resolución 1280 x 800 píxeles. Índonos ao seu interior atopámonos cun procesador fabricado por MediaTek, o modelo MT8735 B (catro núcleos a 1,1 GHz), xunto con 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, que poderemos ampliar mediante tarxetas microSD en 64 GB adicionais.

wolder-mitab-connect-10-1-4g-2

A súa cámara principal é de 8 megapíxeles e a batería ten unha capacidade de 5000 mAh. Como sistema operativo trae unha versión practicamente limpa de Android 6.0 Marshmallow, e centrándonos na conectividade, ademais do 4G (que por certo, é dual SIM), dispón de conexión WiFi 802.11 b/g/n, Bluetooth 2.1, GPS e mesmo radio FM.

Como podedes intuír, trátase dun modelo sinxelo e non excesivamente potente, pero que pode dar bastante xogo a todas aquelas persoas que anden na procura dunha tablet que permita conectarse e mobilidade e que non queiran ter que gastar unha cantidade importante de cartos nun produto de grandes prestacións ás que, polo xeral, non van acabar de sacarlle todo o rendemento.

Dispoñibilidade

A Wolder miTab Connect 10.1 4G xa está á venda no noso país a un prezo oficiala de 149 euros. Pódese atopar na meirande parte das cadeas de distribución de electrónica, ademais de nas diferentes tendas online.

Se estades interesadas e queredes aforrar uns euros, en Amazon téñena dispoñíbel por 140 euros.

Sobre o autor

Reply