Oppo anuncia os novos R9S e R9S Plus

oppo-r9s-3

Oppo vén de anunciar o lanzamento de dous novos terminais, os Oppo R9S e Oppo R9S Plus, dous modelos que chegan dispostos a axitar o mercado de trebellos chineses ofrecendo máis alternativas ás usuarias que gostan dos dispositivos de pantallas grandes. E é que o R9S vén cun panel de 5,5 polgadas, que no caso da versión Plus suben até as 6.

Ambos os dous son moi semellantes, tanto polo seu deseño no que apostan por un escaso grosor, o uso do metal ou unha altísima relación pantalla – corpo, como por compartir gran parte das súas prestacións, as cales comparten.

Oppo R9S

O Oppo R9S incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución FullHD, que está rodeada por un escaso marco de tan só 1,66 mm. Isto fai que o ratio pantalla – resto do terminal sexa do 77,5 %, unha cifra moi conseguida que elimina a sensación de ter un terminal grande na man.

oppo-r9s-2

No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 625 (oito núcleos a 2 GHz), xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, que poderemos ampliar mediante tarxetas microSD de até 128 GB. A batería é de 3100 mAh e vén con sistema de carga rápida. Complementan as súas especificacións a presenza do lector de pegadas dixitais, un elemento que a día de hoxe é imprescindíbel en calquera dispositivo medianamente decente, e bandexa dual SIM.

Por outro lado, a súa cámara principal ten un sensor IMX398 de 16 megapíxeles cunha apertura f/1.7, que é capaz de gravar vídeo en 4K. Para a frontal apostaron por outro sensor de calidade, neste caso de 12 megapíxeles cunha apertura f/2.0.

Oppo R9S Plus

Centrándonos no Oppo R9S Plus temos unha pantalla que sube até as 6 polgadas, conseguindo un ratio de pantalla aínda maior (79%), pero mantendo a mesma resolución FullHD.

oppo-r9s-1

Viaxando ao seu interior atopamos que tamén muda o procesador, desta vez coa presenza dun Qualcomm Snapdragon 653 de oito núcleos. Acompañándoo temos 6 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna (+microSD de até 128 GB). Pola súa banda, a batería tamén medra, adaptándose ao maior tamaño de pantalla, até os 4000 mAh, tamén con sistema de carga rápida.

As cámaras son as mesmas ca no modelo estándar, aínda que a principal engade estabilizador óptico de imaxe, co obxectivo de sacar mellores fotos en movemento. Tamén conserva o lector de pegadas dixitais e o dualSIM.

Dispoñibilidade e prezos

Ambos modelos veñen con sistema operativo Android 6.0.1 Marshmallow, personalizado coa capa ColorOS 3.0 do fabricante, e están dispoñíbeis en varias cores: vermello, dourado rosado e negro.

O Oppo R9S venderase por uns 380 euros a partir do mes de outubro e o Oppo R9S Plus por uns 475 euros, aínda que neste caso a partir de novembro.

Sobre o autor

Reply