WhatsApp mellora a súa seguridade implementando a verificación en dous pasos

whatsapp lg

Historicamente, unha das queixas máis importantes das usuarias de WhatsApp foi a falta de seguridade da aplicación. Porén, nos últimos tempos a compañía – hoxe en mans de Facebook – foi mellorando todos os aspectos relacionados con esta cuestión, mediante o cifrado das conversas que xa disfrutamos desde hai varios meses ou, agora, coa chegada da verificación en dous pasos.

Configurar WhatsApp nun novo dispositivo é un proceso bastante sinxelo, pois unicamente temos que coñecer o número de teléfono para poder recibir o SMS ou a chamada de activación. Isto tamén fai que o proceso sexa a maior fenda de seguridade que ten a aplicación, xa que ao non ter que introducir chaves de acceso calquera que puidera ter acceso ao noso teléfono podería roubarnos a conta. Por iso, quen queira dispór dunha barreira ante posíbeis intrusións alleas pode optar por activar esta nova dobre verificación.

O sistema máis habitual de implementar a dobre verificación (pensemos en servizos como Twitter) é mediante a recepción dun código no noso móbil a través de SMS. Porén, e por razóns obvias, este sistema non sería factíbel en WhatsApp por ser o mesmo método que se emprega na activación estándar, polo que a compañía apostou por establecer un PIN de 6 díxitos.

Como activar a verificación en dous pasos de WhatsApp

Se queremos activar a verificación en dous pasos que nos ofrece WhatsApp debemos realizar os seguintes pasos:

  1. Dentro da app, acceder aos “Axustes”.
  2. Entrar en “Opcións de conta”.
  3. Seleccionar “Verificación en dous pasos”.
  4. Seguindo os pasos que se nos indican, introduciremos un código PIN de 6 díxitos numéricos, reactivaremos a conta e introduciremos unha conta de email que nos servirá para reactivar a conta no caso de que esquezamos ese código PIN.

Seguinto estes pasos xa teremos a nosa conta de WhatsApp configurada coa verificación en dous pasos, de maneira que cada vez que instalemos a aplicación nun novo dispositivo pediranos ese PIN como paso extra no proceso de configuración. Así mesmo, cada certo tempo WhatsApp pediranos que introduzamos o noso código PIN para verificar que seguimos sendo nós quen emprega a conta no móbil.

Que vos parecen estas melloras?

Máis info | WhatsApp

Sobre o autor

Reply