Aquos 2, a segunda xeración do móbil sen marcos de Sharp

Malia que Europa aínda non é o seu mercado, Sharp sorprendeu a todo o mundo o ano pasado co lanzamento do seu primeiro teléfono sen marcos, unha reviravolta ao xeito de entender os smartphones que axiña se tería convertido nunha tendencia. Hoxe xa son moitos os fabricantes, incluídas marcas tradicionais, que fixeron súa a aposta polos móbiles sen marcos, e a tedencia é que nos próximos meses sigamos descubrindo dispositivos que seguen esta liña.

O novo Sharp Aquos 2 é o segundo modelo do fabricante xaponés, e inclúe unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución Full HD+ (2040 x 1080 píxeles) que chega aos bordes do dispositivo. En canto ao resto de especificacións principais, teremos dúas versións, unha con procesador Qualcomm Snapdragon 630, xunto 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, e outra cun Snapdragon 660, 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna. En ambos os dous casos a memoria interna pode ampliarse mediante tarxetas microSD.

No apartado fotográfico, na parte traseira temos un sistema de dobre cámara formado por dous sensores de 12 megapíxeles, mentres que na parte frontal, para as selfies, temos unha cámara de 8 megapíxeles.

A súa batería sitúase nos 3020 mAh de capacidade, con sistema de carga rápida, e dispón de USB Tipo C e lector de pegadas dixitais (situado na parte inferior frontal), ademais de conectividade 4G e Android 7.1.1 Nougat como versión do sistema operativo.

Dispoñibilidade e prezo

Como comentamos antes, hai dúas versións, unha con Snapdragon 630, 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna que custa uns 315 euros, e outra con Snapdragon 660, 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna por 440 euros. Ambos os dous póñense á venda o día 14 en China, e polo de agora non existe información sobre a súa posíbel dispoñibilidade en Europa.

About The Author

Reply