O Honor 7A leva as pantallas sen marcos á gama máis básica

Honor vén de anunciar o lanzamento dun novo dispositivo, o Honor 7A. Trátase do terminal máis económico da marca chinesa que, malia todo, non renuncia a dúas das características máis demandadas desta última fornada de móbiles: a dobre cámara traseira e a pantalla con escasos marcos.

Especificacións de gama básica

O Honor 7A leva un panel frontal IPS LCD de 5,7 polgadas con resolución HD+ (1440 x 720 píxeles) e unha relación de aspecto 18:9. No seu interior atopámonos co procesador Qualcomm Snapdragon 430, con GPU Adreno 505, 32 GB de memoria interna ampliábeis con tarxetas microSD de até 128 GB e a posibilidade de escoller entre 2 ou 3 GB de memoria RAM, adaptándose así a diferentes inquedanzas e necesidades.

Como diciamos ao comezo do artigo, na parte fotográfica temos que destacar a cámara traseira. Nese caso está formada por un sensor dobre, un de 13 e outro de 2 megapíxeles, que imaxinamos estarán moi enfocados ao efecto bokeh. Por outro lado, na parte dianteira do trebello temos unha cámara de 8 megapíxeles.

A batería é de 3000 mAh de capacidade, leva WiFi 802.11 a/b/g/n/ac, Bluetooth 4.2 e Android 8 – Oreo, aínda que, como é habitual, personalizado con EMUI 8. Ademais, conta con sensor traseiro de pegada dixital e outros sensores, como acelerómetro, xiroscopio e de proximidade.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Honor 7A está dispoñíbel en China desde onte en catro cores (vermello, dourado, azul e negro), por uns 100 euros ao cambio a versión de 2 GB de RAM e por 130 euros a de 3 GB. Está previsto en poucas semanas chegue ao noso mercado, aínda que imaxinamos que a un prezo superior ao cambio chinés.

Sobre o autor

Reply