Gemini PDA, un teléfono plegábel con teclado qwerty incorporado

Un dos trebellos que máis chamou a nosa atención durante o Mobile World Congress foi o Gemini PDA. Nado a partir dunha historia de crowdfunding, o dispositivo mira ao pasado para lembrarnos aquelas primeiras PDA ou axendas dixitais con teclado qwerty completo, orientadas a mellorar a produtividade.

Especificacións e deseño

O Gemini PDA está equipado cunha pantalla de 5,99 polgadas con resolución 2160 x 1080 píxeles. No seu interiro alberga un procesador MediaTek de 10 núcleos con GPU ARM Mali, 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD.

A súa cámara é de 5 megapíxeles e a conectividade vén dada por Bluetooth 4.0, WiFi, USB-C, GPS e, nunha das versións, LTE. A súa batería é de 4220 mAh e como sistema operativo ten Android e Linux, xa que conta con arranque dual.

Alén das especificacións, o que máis chama a atención do trebello é o seu deseño, que nos lembra a un pequeno portátil. O teclado qwerty completo pódese adaptar a diferentes mercados (é dicir, existen variantes), e o seu peso está bastante conseguido: 320 gramos.

Ten sentido un dispositivo destas características? Seguramente esa será a gran pregunta, e sobre gustos non hai nada escrito. O certo é que non cabe dúbida de que é un modelo interesante, que ten un público obxectivo que busca algo moi concreto, polo que pode que teña o seu nicho de mercado.

Porén, semella que hoxe en día o camiño a seguir vai por outro lado, con móbiles que admiten un modo escritorio (últimos modelos de Samsung, Mate 10 de Huawei…) ao conectalos a unha base que, á súa vez, está conectada a unha pantalla externa.

O Gemini PDA pode mercarse por 499 euros na súa versión WiFi, e en 710 se optamos pola alternativa WiFi + móbil. Actualmente estase a distribuír entre as persoas que participaron na campaña de micromecenado

 

Sobre o autor

Reply