O novo smartphone de Samsung que non se pode conectar á Internet

Hai uns días Samsung anunciou un smartphone un pouco peculiar, xa que entre as súas características destaca a nula conectividade: non ten nin acceso ás redes de datos móbiles nin tampouco WiFi. Ten isto sentido? Vexámolo un pouco máis polo miúdo.

O trebello en cuestión é o Galaxy J2 Pro, un dispositivo con Android co que poderemos facer chamadas e mandar / recibir SMS, pero non conectarnos á rede para sincronizar as nosas fotos, acceder ás redes sociais ou descargar aplicacións, cuestións básicas para calquera usuaria no día a día.

Está orientado a dous perfís de usuario diferente, por unha banda ás persoas maiores que empregan a función básica de chamada, e por outra a estudantes ou traballadoras que non queren distraerse das súas ocupacións a  través das múltiples opcións de ocio e notificacións de calquera dispositivo con acceso á rede.

En canto a hardware, leva unha pantalla de 5 polgadas Super AMOLED con resolución qHD e no interior integra un procesador de catro núcleos a 1,4 GHz, xunto con 16 GB de memoria interna e 1,5 GB de RAM. A batería é de 2600 mAh de capacidade e as cámaras de 13 e 8 megapíxeles. De querer instalarlle algunha aplicación a única opción é facelo a través de APK que introduzamos cun cable, un método algo engorroso que de seguro fai que a meirande parte das potenciais usuarias pasen de tentalo.

En canto a dispoñibilidade e prezo, pódese mercar en Corea do Sur por uns 150 euros ao cambio, aínda que cunha promoción bastante interesante: aquelas persoas que despois do período de exames decidan mercar outro móbil Samsung da gama Galaxy A ou Galaxy S recibirán de volta o importe íntegro, polo que se podería considerar que sae de balde.

Sobre o autor

Reply