O2, a marca secundaria de Telefónica dirixida por Pedro Serrahima (ex-Pepephone), vén de rebaixar o prezo do seu produto converxente nas zonas reguladas que inclúe fibra simétrica de 100 megas e unha liña móbil con 20 GB e chamadas ilimitadas nas zonas reguladas.
Como xa anunciamos no momento do seu nacemento, a mediados de 2018, a compañía ofrece dous tipos de servizos: só móbil ou converxencia fibra – móbil. No caso do móbil existe unha única tarifa de 20 GB e chamadas ilimitadas por 20 euros, mentres que a proposta converxente (fibra simétrica 100 megas + móbil 20 GB e ilimitadas) ten dous prezos, dependendo da zona:
- 45 € nas zonas non reguladas, é dicir, onde as consumidoras teñen tres alternativas para acceder á fibra.
- 58 € nas zonas reguladas, onde a Comisión Nacional dos Mercados e Competencia (CNMC) regula que o non haxa ofertas que dificulten o acceso a novos operadores.
Até o de agora. E é que a CNMC vén de actualizar o test de replicabilidade de Competencia, de maneira que O2 xa pode axustar o prezo nas zonas reguladas até os 50 euros, rebaixa que comezará a aplicar este mesmo mes de xaneiro. Deste modo, as clientas da compañía aforrarán 96 euros ao ano nas súas comunicacións.
A filosofía de O2 é moi semellante á que tiña no seu día Pepephone, con condicións claras e deixando tranquilo ao cliente. As principais características do servizo son as seguintes:
- Sen permanencia.
- Instalación gratuíta, sen penalizacións nin letra pequena.
- Teléfono fixo con chamadas ilimitadas a fixos estatais
- Móbil con chamadas e SMS ilimitados a destinos estatais.
- Até 4 liñas móbiles adicionais con 10 GB e chamadas ilimitadas por 15 € cada unha.
Que vos parece?