Nexus S, o primeiro smartphone cunha misión no espazo

Todos lembramos aquela famosa escena de Star Wars onde Luke Skywalker loita cun droide flotante. Pois esta imaxe foi a inspiración dun profesor do MIT, David Miller, para pedirlle a algúns dos seus estudantes que fabricasen, coa colaboración da NASA e o exército, uns pequenos satélites voadores, que se chamaron SPHERES, (Synchronized Position Hold, Engage, Reorient, Experimental Satellites).

Desde o ano 2006, tres destes pequenos satélites están na Estación Espacial Internacional co obxectivo de comprobar as utilidades dos robots para axudar á vida do ser humano no espazo. Cada SPHERE ten autonomía no tocante aos equipamentos de obtención de enerxía, propulsión, computación e navegación e, ademais, contan cun porto para os poder equipar con outros aparellos de cara a conseguir novas funcionalidades para as SPHERES.

As SPHERES non foron deseñadas como robots controlables de forma remota, polo que necesitan algunhas melloras para cumplir con este obxectivo. É por isto que os enxeñeiros da NASA decidiron conectarlle un smartphone: deste xeito, as SPHERES teñen acceso ás potencialidades dos smartphones, coma sensores, cámara integrada, maior poder de computación ou unha conexión wifi para mellorar a transmisión de datos en tempo xeral.

E cal foi o smartphone escollido? Pois o Nexus S. Así, o segundo terminal da saga Nexus convírtese no primeiro smartphone comercial certificado pola NASA para voar nos transbordadores espaciais e ser empregado na Estación Espacial Internacional. O Nexus S foi fabricado por Samsung e inclúe unha pantalla táctil de 4 pulgadas, procesador de 1 GHz, cámaras dixitais, xiroscopios, acelerómetros, sensores de luz e proximidade, transmisores por redes Wifi e Bluetooth e unha memoria interna de 16 GB, todo empregando Android Gingerbread.

Desde onte, un Nexus S está voando na Atlantis cara a Estación Espacial. May the force be with you, Nexus S.

Fonte: NASA.

Sobre o autor

Reply