Toshiba presenta a Excite X10, a (nova) tablet máis delgada do mundo

Cando vimos a Samsung Galaxy Tab 10.1 pensamos que era complicado ir máis aló en delgadez. Pero no mundo da tecnoloxía sempre se pode ir un paso máis e mellorar os produtos en todos os aspectos ( agás as baterías? ).
Toshiba vén de aproveitar o tirón do CES 2012, que se está a celebrar estes días en Las Vegas, para lanzar a súa nova tablet Excite X10, un dispositivo que bate marcas en canto a grosor (tan só 7,7 milímetros) e peso (520 gramos) para tablets do seu tamaño.
No resto de especificacións esta tablet está na liña das tablets Android de 10,1 polgadas que teñen todos os grandes fabricantes: a súa pantalla é de 1280 x 800 píxeles e Gorilla Glass, ten un procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 GB de RAM e dobre cámara, de 5 e 1,2 MP para traseira e frontal respectivamente. Como opcións, poderase coller con 16 ou 32 GB.
Malia que na feira foi presentada portando Honeycomb (3.2), desde Toshiba aseguraron que á hora de saír ao mercado xa contará con Ice Cream Sandwich (4.0), a nova versión de Android.
Comercializarase ao longo do primeiro cuatrimestre en dous modelos, un WiFi e outro WiFi+3g (ou 4G nos países con este tipo de redes) e, aínda que o prezo final non está establecido, andará arredor dos 499-599 dólares (uns 390 – 470 euros co cambio actual).
E vós que pensades, credes que se pode dar un paso máis en delgadez?

Sobre o autor

Reply